Termas de Cuntis colabora na organización da “2ª Ruta BTT Lacón-Xes” que se celebrará este sábado da man do Club de Montaña Xesteiras

Os aproximadamente 150 participantes terán a opción de pedalear en tres probas de diferentes lonxitudes que percorrerán os montes do municipio cuntiense

O Club de Montaña Xesteiras de Cuntis organiza o vindeiro sábado, 26 de maio, a 2ª Gran Ruta BTT Lacón-Xes, que conta coa colaboración de Termas de Cuntis. A saída será desde a praza das Árbores de Cuntis, cun percorrido que discorrerá polos montes do municipio: O Pazo, Laxos, A Louriña, Rebordelo, Hermida, Cequeril, Sevil, Vilar de Mato, Campo, Vilar, Soutelo, Couselo, Magán, Vilameán, Troáns, Rogadio, Fontecoba, dúas aldeas da zona de Campo Lameiro, unha de Requián e outra de San Clemente de César. A dous días do peche da inscrición, a organización espera alcanzar os 150 participantes.A ruta nace da unión de dous percorridos, Lacón e Xesteiras. A “Gran Ruta Lacón-Xes” terá lugar ás 9:00 horas. Serán 80 km cun desnivel positivo de case 2.800 m. Na primeira parte, de 42 km, o percorrido discorre na súa maior parte por camiños e sendeiros, aínda que tamén ten varias zonas de trialeras. O presidente do CDM Xesteiras, Tono Abal, sinala que esta primeira parte será de bastante traballo cara arriba e cara abaixo, con pouca zona para descansar. Na segunda parte da Gran Ruta Lacón-Xes, os participantes terán que realizar a subida ao monte Xesteiras e posteriormente a súa baixada, moito máis rodadora, aínda que tamén con zonas nas que os ciclistas deberán gardar forzas para poder afrontar as dúas subidas por cortafogos que os levarán ata o alto do Monte Xesteiras, ata o encoro do río Umia.

A “Ruta Corta Lacón-Xes” é de 32 km aproximadamente e comezará ás 9:00 horas. Coincide na súa primeira parte coa ruta longa, ata a aldea de Sevil onde se desvía para non subir ata o monte Cádavo. Logo volve a enlazar coa ruta longa, pero sempre evitando as zonas de baixada por trialeras.

A ruta da tarde, chamada “BTT Xesteiras”, terá 40 km aproximadamente, e considérase a segunda parte da ruta longa da mañá ao coincidir coa subida ao monte Xesteiras desde os Alvariños. A organización ofrece esta opción a xente que non pode dispoñer da mañá do sábado por cuestións de traballo e, desta maneira, poderán participar a partir das 15:00 horas.

Tono Abal quere agradecer a colaboración no evento ao Concello de Cuntis, Protección Civil de Cuntis, Termas de Cuntis, Coca Cola, GaliTiming, Restaurante Don Manuel de Cuntis, Supermercados O Mellor e Merca Más de Cuntis e Versos de A Ruda e, por suposto, a todos os compañeiros do Club de Montaña Xesteiras.

Inscricións en GaliTiming: http://laconxes2018.galitiming.com/