Alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais de entre 5 e 14 anos ofrecerán un concerto este sábado no centro

Son un total de doce rapaces que tocan o violín e o violoncello

Interpretarán obras individuais e de conxunto, baixo a batuta do director da Orquestra de Nenos da Sinfónica de Galicia

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), en Santiago, préstalle unha atención especial á formación musical dos máis pequenos. Este ano académico celebrouse unha nova edición do curso de corda para nenos, centrado nas especialidades de violín e violoncello. Búscase así que as xeracións máis novas de músicos teñan a oportunidade de mellorar os seus coñecementos e a práctica en relación a estes instrumentos.

Como broche final do curso, que comezou en novembro de 2017 e acaba este mesmo mes de maio, os alumnos protagonizarán un concerto este sábado, día 26, no auditorio do propio centro. A cita será ás 12:00 horas e a asistencia é gratuíta ata completar aforo.

Na primeira parte do concerto, os rapaces, todos eles con idades comprendidas entre os 5 e os 14 anos, interpretarán obras individuais para o seu instrumento, acompañados pola pianista Haruna Takebe. Tocarán pezas de diferentes épocas e estilos, entre elas composicións de Seitz, Mendelssohn, Haendel, Vivaldi, Weber, Paganini, Bruch, Telemann, Mozart, Gliere, Wieniavsky, Chaikovski e Beriot.

Na segunda parte do acto, os xoves músicos integrarán unha orquestra de cámara. Xuntos achegarán ao público o Concerto en Sol maior de Vilvaldi. Levará a batuta o mestre coruñés Jorge Montes, actual director da Orquestra de Nenos da Orquestra Sinfónica de Galicia e profesor de violín no Conservatorio Xan Viaño de Ferrol. Formado en Holanda e Italia, ten ofrecido concertos por toda Europa, Asia e Sudamérica.

A través desta iniciativa os alumnos terán a oportunidade de demostrar o que aprenderon ao longo do curso, apoiados polos seus profesores, na súa maioría músicos da Real Filharmonía de Galicia.