Antigos Alumnos da USC celebra o martes-22 na facultade de Filosofía o acto de entrega do premio deste ano, que recaeu en Rocío Leira Castro

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2018 (Vía Láctea Comunicación).- A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (Alumni) celebra mañá martes-22 o acto de entrega da duodécima edición do Premio Relato Curto no salón de actos de facultade de Filosofía (Mazarelos) ás 19:30 horas.

Dotado con 500 euros por HM Hospital La Rosaleda, Rocío Leira Castro alzouse co galardón polo seu texto Paxaros caídos. “Trátase dun relato que baixo a estrutura dunha narración infantil fala dunha problemática de gran calado social como é a violencia de xénero”, segundo explica a súa autora, que concentrou a súa historia nun par de páxinas. “Para min este premio supón unha gran satisfacción, non só no plano literario, senón tamen no plano afectivo, porque como ex alumna da USC síntome moi próxima á entidade que o convoca, e a nova do galardon fixo aflorar en min recordos dunha etapa marabillosa”, engade.

O xurado, integrado polo xornalista Xesús Fraga, a gañadora da edición anterior –María González Blanco–, a socia de Alumni Raquel Fernández Rodríguez, e a secretaria da xunta directiva da Asociación –con voz e sen voto–, emitiu o seu fallo por unanimidade logo da valoración da trintena de textos presentados a esta convocatoria. Destacou a boa planificación da historia, que consegue comunicar as emocións con gran precisión, a coidada estética, o léxico elaborado, a conxugación das disciplinas da música e a literatura, e un final suxestivo.

Rocío Leira Castro naceu en Cee en 1979, é licenciada en Matemáticas e actualmente dirixe en Santiago un centro de formación para alumnado universitario. Posúe un extenso currículo de premios en distintos formatos narrativos, pero tamén de poesía. Ademais ten publicados dous libros infantís, así como un poemario para adultos.