A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC celebra mañá venres o acto de entrega do seu premio literario ás 19 horas en Mazarelos. A lectura do texto gañador por parte da súa autora, María González Blanco, e unha charla moderada polo crítico e columnista José Miguel Giráldez enriquecerán a sesión. María González Blanco recibirá o premio de 500 euros, patrocinio do Instituto Policlínico La Rosaleda, de mans de Rafael Silva

A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (Alumni USC) celebra mañá venres o acto de entrega do XI Premio de Relato Curto no salón de actos da facultade de Filosofía (Mazarelos) ás 19 horas. A autora do texto gañador, María González Blanco, lerá a súa obra, titulada O segredo de Moira, e posteriormente celebrarase unha charla-coloquio cos asistentes, entre os que estarán os accésits distinguidos, ademais do xurado. O crítico literario e columnista de El Correo Gallego José Miguel Giráldez será o moderador da sesión, que presidirá a titular da entidade, Benita Silva.

O acto finalizará coa entrega do premio, dotado con 500 euros –patrocinio do Instituto Policlínico La Rosaleda–, que fará o seu director de Relacións Externas, Rafael Silva, así como diplomas os tres accésits distinguidos nesta ocasión. A convocatoria tivo un notable éxito de participación, xa que se recibiron 42 orixinais. O xurado ponderou a calidade, creatividade e bo facer literario da maioría dos relatos presentados. Estivo constituído por Mercedes Brea López, catedrática de Filoloxía Románica, Juan Blanco Valdés, director do Servizo de Publicacións USC, e Elisa Pérez Vilariño, mestra no colexio público de Abelendo de Moaña; ademais de Mar Fernández Vázquez, profesora do IV Ciclo da USC, que actuou en calidade de secretaria con voz pero sen voto.

E do texto gañador subliñou que se trata dunha aposta narrativa arriscada e ben resolta, que engancha e intriga ao lector desde o comezo, que se basea nunha ficción imposible (a contemplación da propia vida por parte do home e da muller protagonistas) e na que se recorre a un sutil emprego da anagnórese (recurso que consiste no recoñecemento ou descubrimento por parte dun personaxe sobre datos esenciais da súa identidade), para achegar verosimilitude a diferentes afectos, entre os que resalta a dualidade amor/desamor.

PREMIADOS

O fallo, que xa se fixera público antes do Nadal, foi o seguinte:

PREMIO: O segredo de Moira de María González Blanco (Cambados, 1986)

Primeiro accésit: Un monólogo para Mrs. Musgrove de Noelia Cendán Teijeiro (Cospeito, 1983)

Segundo accésit: A ´piccola´ violinista de Monserrat Pis Marcos (Santiago de Compostela, 1983)

Terceiro accésit: Local Hero Héctor Cajaraville Araújo (Santiago, 1974)