A Real Filharmonía de Galicia pecha este sábado o “X Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera”, no concello pontevedrés de Covelo

A orquestra, dirixida polo seu mestre titular, Paul Daniel, interpretará obras de Mozart, Elgar, Bartók e Mendelssohn

A Real Filharmonía de Galicia participa este sábado, 22 de setembro, no “X Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera”, no concello pontevedrés de Covelo. O concerto, que comezará ás 20:30 horas, celebrarase na igrexa barroca da parroquia de San Martiño e servirá para poñerlle o broche final a esta edición do ciclo de música clásica, que se iniciaba o pasado mes de abril co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A batuta levaraa o director titular e artístico da RFG, Paul Daniel.

 

Obras clásicas e románticas moi populares

 

O público asistente a esta cita poderá escoitar unha selección de obras clásicas e románticas moi populares. O concerto comezará coa abertura de As vodas de Fígaro de Mozart (1756-1791), unha ópera bufa estreada en 1786 dirixida polo propio compositor. Está considerada como unha das mellores creacións de Mozart e unha das óperas máis importantes da historia da música. A pesar de ter recibido moitas críticas na súa época, logrou grandes éxitos nas súas representacións. A trama desenvólvese en Sevilla, durante a segunda metade do século XVIII, e a través dela critícase a orde social do momento.

 

A orquestra interpretará ademais a Serenata en mi menor de Edward Elgar (1857-1934), a primeira das composicións coa que o autor se confesou satisfeito. Dedicoulla á súa muller con motivo do seu aniversario de voda.

 

De seguido os músicos achegarán ao público as Danzas romanesas de Béla Bartók (1881-1945). Esta obra amosa o encanto da música tradicional da Europa do Leste. Son un total de seis danzas folclóricas orixinarias de diferentes lugares de Romanía.

 

O concerto concluirá con varios fragmentos de O soño dunha noite de verán de Felix Mendelssohn (1809-1847), baseada na peza de teatro homónima de William Shakespeare. Cando o compositor entra en contacto coa obra do dramaturgo inglés, aos 17 anos de idade, queda tan impresionado que decidiu poñerlle música a esta comedia romántica.