Martín Carballo expón as súas láminas abstractas no balneario Termas de Cuntis

“A abstracción figurativa permite non ser demasiado explícito na temática de cada pintura e facilita que a imaxinación do observador voe”

A mostra abrirase ao público o venres-14 e poderase visitar durante un mes

O balneario Termas de Cuntis acollerá a partir do venres, día 14, a exposición de láminas do artista Martín Carballo. A mostra permanecerá aberta ao público ata o 14 de outubro.A exposición está composta por unha vintena de láminas realizadas en técnica mixta con pintura acrílica, ceras e colas sobre papel de 90 e 180 gramos en diversos formatos. Martín Carballo explica que a mostra está concibida para que o público poida aplicar a súa propia imaxinación, como unha oportunidade para que cada persoa poida observar libremente cada obra. “A abstracción figurativa permite non ser demasiado explícito na temática de cada pintura e facilita que a imaxinación do observador voe” –sinala–.

Nado en Pontevedra en 1967 e residente en Cuntis desde 2010, Martín Carballo é administrativo de profesión, aínda que actualmente é axente da zona de Cuntis de Seguros Ocaso. De formación autodidacta, Martín Carballo non está adscrito a ningunha escola artística pero mantén o seu respecto a todas elas. O artista ten preferencia pola abstracción figurativa pola súa capacidade soñadora e actualmente está investigando nun taller a abstracción xeométrica.