Termas de Cuntis deseña un programa específico de outono para tratar enfermidades respiratorias grazas as bondades das súas augas mineiromedicinais

María Barral, médico do balneario: “As augas sulfurosas do balneario son mucolíticas, polo que fluidifican o moco e favorecen a expectoración”

A campaña, na que participa unha vintena de rapaces de entre 5 e 16 anos, estenderase ata o 13 de setembro 

O balneario Termas de Cuntis pon en marcha unha campaña dirixida a tratar enfermidades respiratorias en nenos e nenas de entre 5 e 16 anos. O programa, que comezou este pasado luns día 3, desenvolverase ata o 13 de setembro, de luns a venres en horario de 17:00 a 19:00 horas. O equipo de médicos e fisioterapeutas de Termas de Cuntis deseñaron un programa específico no que se combinan eficaces tratamentos respiratorios, baseados nas augas mineiromedicinais do balneario, con distintas actividades de tipo lúdico.Aerosois ou nebulizadores, inhalacións, duchas nasais ou a estufa de vapor coas augas mineromedicinais son os tratamentos e exercicios respiratorios –para realizar fóra ou dentro da piscina terapéutica– indicados para abordar as distintas patoloxías nas vías respiratorias altas e baixas, tales como rinite, sinosite, farinxite e otite, por unha banda, ou asma, bronquite crónica ou alerxias, pola outra.

A médico do balneario, María Barral, sinala que este programa terapéutico, no que participa unha vintena de rapaces, está baseado nas propiedades especiais das augas mineiromedicinais de Cuntis. “Os obxectivos principais son lograr unha boa ventilación bronco-pulmonar, diminuír o consumo de medicamentos, ofrecer confianza ao neno ou nena con súa enfermidade e evitar crises de asma bronquial” –indica–.

Barral explica que os aerosois e inhaladores conseguen romper a auga termal en microgotas que son inhaladas para finalmente chegar ás vías respiratorias. Ademais de tratar as citadas patoloxías crónicas, a doutora apunta que o tratamento, dunha media hora de duración, favorece que os máis pequenos poidan expulsar abundante moco causado por catarros ou alerxia”. En concreto, a doutora sinala que “as augas sulfurosas de Termas de Cuntis son mucolíticas, polo que fluidifican o moco e favorecen a expectoración”.

Tratamentos naturais e sen efectos secundarios 

Indica tamén a médico do balneario que estes tratamentos en nenos son moi eficaces. “Tratamos estes procesos crónicos nos momentos de intercrise, pero nunca na fase aguda. Para asegurar a súa efectividade é necesario repetilo dous ou tres veces ao ano” –manifesta–. E para comprobar a evolución destaca que o máis importante é o testemuño dos pais, que son os que explican se o neno “dorme mellor, tose menos ou ten menos moco”.

María Barral insiste en que estes tratamentos, “completamente naturais e sen efectos secundarios”, teñen como finalidade primordial reducir a medicación, ou sexa, o uso de fármacos. Tras seis anos realizando estas campañas de primavera e outono, boa parte dos nenos volven: “Dous de cada tres repiten, porque as augas reducen moitísimo os síntomas e por iso aumenta moito a súa calidade de vida”.

A modo de premio e para estimular a motivación dos rapaces, o tratamento compleméntase cun pequeno programa lúdico, que consiste nunha bañeira termal de hidromasaxe e un baño nas piscinas do Acquaform, onde a fisioterapeuta lles ensinará a respirar mellor. 

Ver vídeo do tratamento de respiratorio infantil en Termas de Cuntis: https://www.youtube.com/watch?time_continue=103&v=W75LpTALz94