Albert Llovera apadriña o II RallyMix Cuntis Vila Termal no que competirán 57 participantes esta fin de semana

“Por muchos inconvenientes que surjan a lo largo de la vida, lo más importante es luchar y seguir adelante” 

O balneario Termas de Cuntis, onde se aloxará o piloto andorrano, patrocina esta proba que puntúa para o campionato galego da especialidade 

O balneario Termas de Cuntis patrocina o “II RallyMix Cuntis Vila Termal” que se celebrará o sábado e o domingo baixo a dirección da Escudería Cuntis Vila Termal e en colaboración co Concello de Cuntis, Protección Civil de Cuntis, Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Fundación Deporte Galicia, Federación Galega de Automobilismo e a  Escudería Charly Romeo. Agárdase unha gran afluencia de público que encherá as rúas da localidade, como xa o demostra a reserva completa de aloxamento no propio balneario.

E para darlle máis renome ao rallymix, o balneario acolleu hoxe a presentación oficial do piloto Albert Llovera como padriño da proba. Participaron no acto o alcalde de Cuntis, Manuel Campos; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a concelleira de Deportes de Cuntis, Conchi Campos; a vicepresidenta da Escudería Cuntis Vila Termal, Mercedes Pazos; e a responsable do departamento Comercial do balneario Termas de Cuntis, Vanesa Fuentes.

Mercedes Pazos explicou que a escudería síntese feliz e orgullosa de saudar a un deportista “marabilloso e inspirador, que desde o primeiro momento se mostrou encantado coa proposta de vir a Cuntis para compartir a súa aventura vital e deportiva e facer inesquecible este segundo rallymix”.

Na súa intervención, Albert Llovera amosouse moi emocionado polo acollida do Concello e da vila termal, ademais do seu desempeño como padriño da proba que, por fin, poderá ver en directo tralo visionamento de varios vídeos da primeira edición, onde poido comprobar a gran afección que hai en Cuntis polos rallys.

Conchi Campos destacou o labor que durante todo un ano desempeñan os homes e mulleres que compoñen a escudería para preparar o rallymix e animar a vida deportiva de Cuntis. Ademais de exercer como concelleira de Deportes no municipio tamén é unha apaixonada do deporte, tal e como demostra a medalla de bronce gañada recentemente na categoría de veteranas F-35 do campionato de España de marcha que se celebrou na cidade valenciana de Burjassot.

Pola súa parte, Carmela Silva salientou a aposta do Concello de Cuntis por este tipo de actividades deportivas, e por suposto agradeceu o traballo da escudería. “Cuntis é un lugar de atracción turística ao ser unha vila termal, unha das máis importantes da provincia. O termalismo xa é actualmente o futuro e a provincia de Pontevedra converterase na súa capital europea” –sinalou–. Para Albert Llovera, Silva só tivo boas palabras, ao que cualificou como unha persoa extraordinaria, un ser humano marabilloso e un gran deportista que medra fronte ás dificultades. “Con persoas coma ti construímos unha sociedade mellor” –asegurou–. 

Unha conferencia solidaria

Ademais, a organización do rallymix ten previsto celebrar dúas conferencias onde   Albert Llovera compartirá co público as súas experiencias e asinará autógrafos. A primeira charla celebrarase mañá venres, ás 12:00 horas, para os alumnos do CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis (rúa José María Lastra nº 3). “Por muchos inconvenientes que surjan a lo largo de la vida, lo más importante es luchar y seguir adelante, siempre con el apoyo de un entorno favorable, como en mi caso fue tener una gran familia y amigos por detrás. Los amigos de verdad son los que están a tu lado y te ayudan cuando lo necesitas” –sinalou como apunte da charla que manterá cos escolares cuntienses–.

E a segunda conferencia, que estará aberta ao público en xeral, celebrarase o sábado 3 no Centro Sociocultural e Xuvenil Xosé Raído “Patelas” de Cuntis (rúa Xohán Xesús González s/n), ás 21:30 horas. Para poder asistir á conferencia, os interesados deberán pagar unha entrada solidaria: alimentos non perecedeiros en favor do banco de alimentos de Cáritas Parroquial Cuntis.

O piloto Albert Llovera (Andorra, 1966), que se aloxará durante toda a fin de semana no balneario, foi un esquiador de elite que sufriu un accidente e quedou parapléxico aos 19 anos, unha discapacidade física que non lle impediu somerxerse no mundo do rallys, en parte polo seu espírito de loita e superación pero tamén polo desenvolvemento de novas tecnoloxías aplicables ao mundo do automóbil. En 2017 clasificouse no Top 20 do Dakar onde competiu na categoría de camións. Ademais, o piloto foi nominado ao premios Goya polo documental “Albert Llovera, las alas del Fénix”, escribiu o libro “No Limits” (Editorial Planeta) donde cuenta su experiencia y sus ganas de vivir, e é embaixador de Unicef.

Plan de seguridade

O rallymix é un formato de carreira automobilística que combina asfalto e terra. Esta proba de Cuntis, primeira do ano dentro do calendario oficial da modalidade, puntúa para o campionato galego da especialidade, cun trazado que discorre por diferentes lugares do municipio, cun 30% de tramos en asfalto e un 70% en terra o que garantirá a espectacularidade para os afeccionados ao motor.

A proba contará coa participación de 57 pilotos, cinco máis que na edición do pasado ano. O percorrido, que comezará o sábado ás 12:30 horas e o domingo ás 9:00 horas, transcorrerrá por estradas da Concentración Parcelaria de Güimarei, Soutelo, A Igrexa, Toucedo, Belai, Toxeira, Vilariño, Noval, Calvos e Bragraña. Conta cun treito total de 15 quilómetros e 700 metros, dos cales 2 quilómetros e 820 metros corresponden a tramo de enlace, quedando así 12 quilómetros e 880 metros de tramo cronometrado.

A proba conta cun plan de seguridade no que participarán máis de 100 persoas, cun total de 24.000 metros de cintas de seguridade e arredor de 2.500 estacas para delimitar as zonas de risco ou prohibidas. Haberá a disposición do percorrido seis vehículos de rescate e excarcelación, catro vehículos antiincendios e dúas ambulancias UVI.

A organización disporá para o público dun aparcadoiro de alta capacidade ubicado nas inmediacións do Pavillón Municipal Pedro Campos. O parque pechado situarase diante do Concello de Cuntis e o parque de traballo e o pódium de saída estarán ubicados na rúa Olimpio Arca.  A entrega de premios celebrarase previsiblemente o domingo ás 16:00 horas.

O vixente campión, José Miguel Martínez Barreiro “Bamarti”, volverá a participar na proba con aspiracións de subirse de novo ao máis alto do pódium. Ademais, está prevista a participación doutros pilotos de renome como o campión absoluto do Campionato de Galicia de Rallymix 2017, o asturiano Abel Jurado, e outros pilotos como Óscar Añón e J.A. Gay.

Para ir quencendo motores, a Escudería Cuntis Vila Termal rodou en febreiro, coa produtora Ukaná Films, un spot publicitario protagonizado por dúas persoas moi coñecidas en Cuntis: o veterano piloto Pepe Mieres e a súa copiloto para este ano Conchi Campos, concelleira de Deportes de Cuntis. O spot publicitario, pódese ver no seguinte enlace:

https://www.youtube.com/watch?v=JO6Edr_kuKI&feature=youtu.be