A historia da “flor de esplendor vermello”, rebautizada polos españois co nome de Flor de Santiago, é o fío argumental do libro escrito pola arquitecta Ruth Varela

A autora: “É unha flor sagrada para os aztecas, que a partir do século XVI se converte en obxecto de culto entre as elites europeas, en sinal de espiritualidade, de cultura, de gusto e de distinción” 

A publicación, coeditada polo Colexio de Arquitectos de Galicia e a editorial Flor de Santiago, presentouse hoxe na sede da delegación coruñesa do colectivo de arquitectos 

A Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos de Galicia acolleu hoxe a presentación do libro “Flor de Santiago”, escrito pola arquitecta e investigadora Ruth Varela e coeditado polo Colexio de Arquitectos de Galicia e a editorial Flor de Santiago. O acto, que se celebrou ás 20:00 horas, contou coas intervencións do decano do Colexio de Arquitectos, Antonio Maroño; o secretario Primeiro da Comisión de Cultura do Congreso dos Deputados, Miguelanxo Fernán Vello; o catedrático de Xeografía Humana da Universidade de Santiago (USC), Xosé Manuel Santos Solla; o presidente da Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos de Galicia, Roberto Costas; o presidente da Comisión de Cultura do Colexio de Arqutiectos de Galicia, Cristóbal Crespo; o membro fundador do Colexio de Arquitectos de Galicia, Andrés Reboredo; ademais da propia autora Ruth Varela.

O libro narra unha historia de gran poder significante que nunca foi contada, a historia dunha flor, e sobre todo do seu nome, bautizada polos españois como Flor de Santiago, denominación que é froito do intercambio cultural, científico e relixioso, que comeza no século XVI, entre México, España e Galicia. “A Flor de Santiago é unha das flores de maior beleza e pregnancia simbólica do reino das plantas, unha flor sagrada para os aztecas, que a partir do século XVI se converte en obxecto de culto entre as elites europeas, en sinal de espiritualidade, de cultura, de gusto e de distinción” –sinalou–.

A Flor de Santiago, a atzcalxōchitl azteca, é un símbolo da relación entre América e Europa e, en particular, entre México e España, entre Nueva Galicia e Galicia, entre a cidade mexicana de Compostela e a cidade galega de Santiago de Compostela, e entre un gran número de poboacións europeas e americanas que incorporan ao seu topónimo o nome de Santiago.

O título deste libro pode resultar en principio pouco familiar para a maioría dos lectores, esquecido como estaba tras o fragor de seculares batallas nominativas. Como exemplo destas batallas, basta dicir que non é casual que no ámbito científico a Flor de Santiago sexa coñecida hoxe como Sprekelia formosissima, un binomio imposto polas elites botánicas luteranas, ansiosas por ocultar toda referencia a Santiago, xa que segundo explicou Ruth Varela non hai que esquecer aquí que o mundo natural era considerado “emanación e símbolo dunha realidade trascendente” e que o exercicio de nomear as plantas realizábase en continuidade coa obra da divinidade creadora.

Coñecidas estas premisas é doado pensar que a palabra Santiago, asociada ao nome común dunha flor cruciforme e de tan extraordinaria beleza, non podía pasar desapercibida. “Cal é o significado da Flor de Santiago? Por que se escolle este peculiar apelativo? Por que o nome común Flor de Santiago consegue pervivir ata hoxe na memoria simbólica da cultura mexicana, europea e galega? Dase resposta na publicación, onde se conta a historia da fermosa atzcalxōchitl, a «flor de esplendor vermello», unha flor sagrada para os aztecas que foi descuberta e rebautizada polos españois co nome de Flor de Santiago” –explicou a autora–.

A fermosa atzcalxōchitl que irmanda México e Galicia

Atzcalxōchitl é unha flor que viaxa de México a España no século XVI e que incorpora á súa denominación europea o nome de Santiago; un apelativo universal e ecuménico que ilumina o imaxinario simbólico de Europa e de América, de Galicia e de México; da Compostela galega e daqueloutra Compostela fundada polos españois no Reino de Nueva Galicia, no occidente do México antigo.

A Flor de Santiago é unha flor exótica, solitaria e maxestosa de extraordinaria beleza pero tamén, e sobre todo, é un elemento de comunicación simbólica grazas a súa cor vermella e a súa inusual forma en cruz. O nome orixinal en lingua nāhuatl, atzcalxōchitl, é a primeira referencia simbólica desta flor, que estivo presente nos grandes centros cerimoniais de Mesoamérica, como no Cerro de la Estrella, e nos Xardíns Botánicos Reais, como o de Moctezuma II.

Descubrir a orixe e o significado do nome europeo desta flor foi un dos obxectivos desta obra; unha viaxe de exploración histórica que desvela que detrás de cada nome botánico existe, non soamente unha determinada visión do mundo, senón tamén un fascinante relato cultural. “Atzcalxōchitl, a Flor de Santiago, é unha flor rodeada de memoria, de historia, de misterios e de beleza; un suxeito histórico apaixonante, moldeado, no seu berce simbólico, pola sabedoría poética dos pobos indíxenas do México antigo” –manifestou Ruth Varela–.

Máis de dez anos de investigación onde a autora revisou máis de 5.000 fontes bibliográficas de preto de 300 repositorios, bibliotecas e arquivos

A publicación, unha edición de luxo concebida para agasallo, conta con máis de 150 ilustracións, entre as que destacan os fermosos códices mesoamericanos, a cartografía, e as fotógrafías e láminas da Flor de Santiago. O conxunto das imaxes permite trazar un discurso visual, que se entrelaza co textual, e que despois de achegarnos á cultura mesoamericana entra en Europa polo porto de Sevilla e remata na cidade de Compostela.

A obra conta cun innovador deseño gráfico realizado pola cooperativa italiana Alpaca, con sede en Ferrara. A tipografía seleccionada para o texto, Zenon, unha interpretación contemporánea de obras mestras da tipografía do renacemento, é unha fonte de alta lexibilidade concebida para ofrecer unha lectura plácida e sen fatiga visual.

O libro é o resultado dun extenso traballo de investigación que se prolongou durante dez anos e nos que a autora revisou máis de 5.000 fontes bibliográficas de preto de 300 repositorios, bibliotecas e arquivos. Máis de 40 bibliotecas e museos, públicos e privados, de Europa e América, −España, Italia, Francia, Reino Unido, Bélxica, Austria, Polonia, Estados Unidos, Canadá e México− cederon imaxes dos seus arquivos; algunhas delas inéditas. Ademais a obra incorpora 16 imaxes e debuxos inéditos pertencentes ao arquivo do proxecto cultural Flor de Santiago e realizados en exclusiva para esta ocasión. 

Proxecto cultural Flor de Santiago

O proxecto Flor de Santiago é un proxecto cultural con vocación de excelencia que nace a partir do descubrimento da fermosísima Flor de Santiago. O obxecto do proxecto é recuperar e valorizar un legado singular e de gran riqueza significante para o conxunto do patrimonio cultural inmaterial de Santiago de Compostela, de Galicia, de España e de México, e está vencellado á marca Flor de Santiago e ten a súa sede en Santiago de Compostela, en Rúa das Ameas, s/n, e o seu sitio web en https://www.flordesantiago.com.

Sobre a autora

Ruth Varela é unha arquitecta e investigadora compostelá especializada en arquitectura efémera e en proxectos culturais. Os seus proxectos teñen recibido, entre outros, o recoñecemento do xurado francés nas XVIII Journées Européennes du Patrimoine e catro Premios COAG. Asemade, como investigadora obtivo o Premio á Investigación 2004 da Deputación de Pontevedra. No ano 2007 descobre a Flor de Santiago e inicia unha liña de investigación sobre esta flor. En paralelo, crea, xunto a un grupo de colaboradores, o proxecto cultural Flor de Santiago.

No eido do deseño ten colaborado con prestixiosos deseñadores como o tipógrafo italiano Luciano Perondi. Neste mesmo ámbito ten desenvolvido a identidade visual da marca Flor de Santiago, así como as coleccións de xoiaría de autor, textil e marroquinaría.

Foi colaboradora da Fundación Luís Seoane, na etapa dirixida por Alberto González Alegre. Como investigadora está vencellada á Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade do País Vasco e ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). 

Características técnicas da publicación

  • Edición en galego
  • Publicación Outubro 2017
  • 256 páxinas
  • 151 figuras a toda cor
  • Adquisición de exemplares en librarías especializadas e na sede de Flor de Santiago, en rúa das Ameas, s/n de Santiago de Compostela. Ademais de nos respectivos sitios web: http://portal.coag.es/ e https://www.flordesantiago.com.