Os arquitectos galegos unen forzas para evitar a destrución do hábitat e do patrimonio no Día Mundial da Arquitectura

As sete delegacións do Colexio de Arquitectos de Galicia programan visitas e conferencias nas que se plasmarán as súas capacidades para procurar “un mundo mellor” a través da arquitectura

O Colexio de Arquitectos de Galicia celebra o próximo luns, 1 de outubro, o Día Mundial da Arquitectura baixo o lema “Arquitectura … para un mundo mellor”, de acordo á convocatoria anual –que coincide co Día Mundial do Hábitat das Nacións Unidas– da Unión Internacional de Arquitectos (UIA). O Día Mundial da Arquitectura ten por obxecto chamar a atención de profesionais e público en xeral sobre cuestións relativas á mellora nas cidades e a vivenda.

Segundo a declaración da UIA, a arquitectura pode axudar ao planeta a enfrontar dous dos seus problemas máis graves: a degradación ambiental e necesidades humanas cada vez maiores. Os arquitectos poden axudar a reverter os patróns que destrúen o patrimonio, degradar o hábitat, desperdiciar recursos e perpetuar os desequilibrios sociais. Ademais, subliña que a arquitectura pode mellorar o mundo, para todas as persoas, e a través do deseño pódese axudar a deter a destrución de paisaxes naturais e valiosas terras agrícolas, e a cumprir coa asombrosa escala global da necesidade humana, gran parte dela concentrada nas cidades máis grandes.

Os arquitectos do mundo, que actualmente suman uns 3,2 millóns, comparten o compromiso de proporcionar servizos básicos para todas as persoas, facer as nosas cidades máis limpas e máis fortes, axudar á xente necesitada, e para proporcionar espazos públicos máis seguros e accesibles para todos. Seguindo esta pauta, as delegacións do Colexio de Arquitectos de Galicia compartirán no Día Mundial da Arquitectura e ao longo de toda a semana as súas vontades e capacidades para procurar un mundo mellor a través da arquitectura:

DELEGACIÓN ACTIVIDADES SEMANA DA ARQUITECTURA
A CORUÑA Exposición dunha selección de Proxectos de Fin de Grao dos arquitect@s

recentemente titulados pola ETSAC

FERROL Percorrido pola reurbanización da rúa Alegre e Cruceiro de Canido
LUGO Xornada-coloquio sobre o “Deseño da cidade” e proxección do

documental “URBANIZED: O deseño das cidades”

OURENSE Mesa redonda con representantes de diferentes sectores produtivos

que analizarán as súas fortalezas e oportunidades para mellorar

o seu contorno

PONTEVEDRA Visita guiada á Illa de Ons –contorna do Faro, a recente actuación no

camping e o xacemento arqueolóxico da praia de Canexol–

SANTIAGO Visita guiada ao Pazo de Ramirás –antigo Colexio dos Irlandeses–

COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DA CORUÑA

 

TEMA.-  Exposición dunha selección de Proxectos de Fin de Grao dos arquitect@s recentemente titulados pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña

A Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos de Galicia inaugurará a  Exposición dunha selección de Proxectos de Fin de Grao dos arquitect@s recentemente titulados pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC) con motivo do Día Mundial da Arquitectura. O acto celebrarase o xoves, día 4, ás 20:00 horas na sala de exposicións da delegación colexial (rúa Federico Tapia 64, baixo).

Tanto as áreas como as temáticas propostas nestes traballos recollen unha ampla variedade de situacións e problemáticas, reflexo da actual conxuntura física e social á que a arquitectura debe dar resposta no territorio da Delegación da Coruña. Estes proxectos expoñen as propostas que dan os novos arquitectos a algúns dos temas que afectan á arquitectura e ao urbanismo das nosas cidades e vilas, desde a frescura e o sentimento de utopía que sempre achega a mocidade.

O contido da mostra é marcadamente visual, con preto de 20 maquetas e 40 paneis, cuxos ámbitos de actuación atópanse tanto na cidade da Coruña como en diferentes vilas, todas elas dentro do ámbito da delegación. Os temas dos traballos que se exporán son:

  • Centro de acollida para vítimas de violencia de xénero en Catro Camiños, A Coruña
  • Unidades Residenciais con espazos de traballo e reunión no núcleo de San Vicente de Elviña, A Coruña
  • Mercado en Sada
  • Arquitecturas de intercambio local ao redor do Espazo urbano da feira de Paiosaco, A Laracha
  • Arquitectura ao beira do mar: Hospedaxe, Encontro e espazo público en Corcubión

Esta exposición pretende ser o arranque dunha serie de charlas, conferencias e debates que tratarán sobre temas relacionados coa cidade da Coruña e que terán como obxectivo reflexionar sobre as actuais problemáticas e tamén sobre as novas oportunidades e retos para o futuro. A Delegación convida a todos os compañeiros colexiados e a todo aquel que desexe compartir esta celebración.

ACTIVIDADES ORGANIZADAS PARA A SEMANA DA ARQUITECTURA 

  • Día 4.- 20:00 horas. Inauguración da exposición dunha selección de Proxectos de Fin de Grao dos arquitect@s recentemente titulados pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, na sala de exposicións da Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos de Galicia (rúa Federico Tapia 64, baixo)

 COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DE FERROL

TEMA.-  Percorrido pola reurbanización da rúa Alegre e Cruceiro de Canido

A Delegación de Ferrol do Colexio de Arquitectos de Galicia organizará no Día Mundial da Arquitectura un percorrido pola reurbanización da rúa Alegre e o Cruceiro de Canido en Ferrol. Será o luns-1 ás 18:30 horas.

A función primordial da arquitectura é crear espazos para o home. A arquitectura e o urbanismo teñen como unha das súas funcións fundamentais a creación de espazos públicos, uns espazos que finalmente son os que caracterizan ás cidades, que deben entenderse como unha construción colectiva cuxo obxecto é a convivencia e a relación entre os seus habitantes.

O éxito destes espazos só ten lugar cando o seu deseño ou a súa renovación xorde dunhas verdadeiras necesidades cidadás e cando grazas a isto volven converterse en lugares de convivencia, relación e actividade social.

A reurbanización da rúa Alegre e a praza de Canido é un bo exemplo de como a arquitectura entendeu esas demandas veciñais, conseguindo un medio urbano de calidade para os cidadáns que, leva á verdadeira rexeneración deses espazos públicos. A revitalización de Canido, xurdida tamén do empuxe dos seus veciños e da colaboración de múltiples entidades e axentes, é un bo exemplo do camiño a seguir para revitalizar moitos outros fragmentos de cidade. En definitiva, un bo exemplo do traballo colaborativo que se debe levar a cabo para revitalizar todos os barrios.

Co fin de poñer en valor actuacións deste tipo, a Delegación de Ferrol do Colexio de Arquitectos convida a celebrar o Día Mundial da Arquitectura acompañando ao colectivo nunha ruta por este espazo o vindeiro luns. O paseo comezará na Praza de Canido ás 18:30 horas, e percorrerá a rúa Alegre finalizando o acto no Cruceiro de Canido cunha copa de viño español. Farase tamén entrega dunha placa conmemorativa do acto ao Concello de Ferrol.

ACTIVIDADES ORGANIZADAS PARA A SEMANA DA ARQUITECTURA 

  • Día 1 -. 18:30 horas. Percorrido pola reurbanización da rúa Alegre e Cruceiro de Canido

 

COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DE LUGO

TEMA.- Xornada-coloquio sobre o “Deseño da cidade” e proxección do documental “URBANIZED: O deseño das cidades” 

A Delegación de Lugo do Colexio de Arquitectos de Galicia presenta para a súa conmemoración do Día Mundial da Arquitectura unha xornada-coloquio sobre o “Deseño da cidade” na que se proxectará o documental “URBANIZED: O deseño das cidades”, cunha charla posterior aberta ao público en xeral titulada “Arquitectura e urbanismo para un mundo mellor”. Celebrarase o vindeiro martes, día 2 de outubro, ás 19:00 horas no salón de actos da delegación (rúa Puro Cora  Xornalistas, 1), en colaboración coa Fundación Arquia.

O documental trata da linguaxe e creación da cidade, que centra a atención nos problemas e estratexias do deseño urbano desde escenarios diversos de todo o mundo: India, Chile, Brasil, Colombia, Dinamarca, Estados Unidos, China, Inglaterra, Sudáfrica e Alemaña. O documental, dunha duración de 85 minutos, conta coa participación de  prestixiosos arquitectos como Alejandro  Aravena,  Rem  Koolhaas, Óscar  Niemeyer e  Norman  Foster.

En concreto, a cinta explica que os cambios nas formas de produción, organización do consumo e mobilidade de capitais, persoas e bens, están a afectar de maneira profunda ao carácter das cidades. O global e o local atópanse conectados de maneira inimaxinable nas sociedades tradicionais. Máis da metade da poboación mundial vive actualmente en áreas urbanas e estímase que un 65% farao en 2050. Pero mentres algunhas cidades están a experimentar un crecemento explosivo, outras estanse comprimindo. Os desafíos por equilibrar vivenda, mobilidade, espazo público, compromiso cívico, desenvolvemento económico e políticas ambientais, convertéronse nunha preocupación universal. Aínda así, a maior parte do discursos sobre estes temas están desconectados da opinión pública. Trailer: https://www.youtube.com/watch?v=qHWwxBEfikw

ACTIVIDADES ORGANIZADAS PARA A SEMANA DA ARQUITECTURA 

  • Día 2 -. 19:00 horas. Xornada-coloquio sobre o “Deseño da cidade” na que se proxectará o documental “URBANIZED: O deseño das cidades”, cunha charla posterior aberta ao público en xeral no salón de actos da Delegación de Lugo do Colexio de Arquitectos de Galicia (rúa Puro Cora Xornalistas, 1).

 

COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DE OURENSE

TEMA.- Mesa redonda con representantes de diferentes sectores produtivos que analizarán as súas fortalezas e oportunidades para mellorar o seu contorno 

A Delegación de Ourense do Colexio de Arquitectos de Galicia celebrará no Día Mundial da Arquitectura, o vindeiro luns, día 1 de outubro, unha mesa redonda na que participarán representantes de diferentes sectores produtivos da sociedade para, facendo un rápido repaso pola traxectoria das súas empresas, analizar cales foron as súas fortalezas e oportunidades para axudar a mellorar este mundo, neste caso concreto, a cidade e provincia de Ourense. A actividade será ás 20:00 horas no Liceo Recreo Ourensán (rúa Valentín Lamas Carvajal, 5).

A mesa, moderada polo xornalista Antonio Nespereira, contará coa presenza e participación na mesa do arquitecto Xosé Manuel Casabella López; o empresario e decano do Colegio de Economistas de Ourense, Guillermo Díez Iglesias; o xerente de Caldaria hoteles y Balnearios, F. Javier Soto Varela; e o cociñeiro do restaurante Nova con estrela Michelin, Daniel Guzmán.

ACTIVIDADES ORGANIZADAS PARA A SEMANA DA ARQUITECTURA

  • Día 1.– 20:00 horas. Mesa redonda con representantes de diferentes sectores produtivos que analizarán as súas fortalezas e oportunidades para mellorar o seu contorno no Liceo Recreo Ourensán (rúa Valentín Lamas Carvajal, 5).

 

COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DE PONTEVEDRA

Tema.- Visita guiada á Illa de Ons –contorna do Faro, a recente actuación no camping e o xacemento arqueolóxico da praia de Canexol– 

A Delegación en Pontevedra do Colexio de Arquitectos de Galicia celebrará o Día Mundial da Arquitectura, o vindeiro luns, 1 de outubro, na Illa de Ons, pertencente ao Parque Nacional das Illas Atlánticas. Este contorno permitirá reflexionar aos arquitectos e á sociedade en xeral sobre as regras de convivencia entre as diferentes intervencións do home no tempo, as novas construcións, e os valores ambientais, patrimoniais e históricos, así como reflexionar sobre o futuro destas áreas, o seu uso, protección e conservación.

Para acadar este obxectivo, a Delegación convida a todos os arquitectos colexiados, familias e todas aquelas persoas ou colectivos que queiran participar, a achegarse o luns ao peirao de Bueu para coller un barco que levará ao grupo a facer unha visita guiada pola illa, visitando a contorna do faro, a recente actuación no camping –obra dos arquitectos Juan Zaballa e Daniel Guisande, merecedora do Premio Galego de Arquitectura á Sostibilidade 2016–, e o xacemento arqueolóxico da praia de Canexol.

Contarase coa presenza de diversas autoridades, entre as que destacan a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, a directora Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas; o alcalde de Bueu, Félix Juncal; o concelleiro de Urbanismo de Bueu, Martín Villanueva, e outros membros da corporación municipal; unha representación dos arquitectos autores da obra; e o arqueólogo Francisco Alonso Toucido, de Estela Arqueoloxía, que actuará de guía durante o percorrido, que será duns tres quilómetros e dunha duración estimada de hora e media.

O Concello de Bueu, colaborador na organización deste acto, porá a disposición de todas e de todos un barco de balde que sairá ás 16:30 horas desde o peirao de Bueu e con hora prevista de regreso a porto ás 19:30 horas. Tamén está previsto, por ofrecemento do Concello de Bueu, un pequeno aperitivo na illa, previo ao regreso en barco. Para unha mellor organización do acto é preciso confirmar a praza no barco no mail xd.pontevedra@coag.es.

ACTIVIDADES ORGANIZADAS PARA A SEMANA DA ARQUITECTURA 

  • Día 1– 16:30 horas.- Visita guiada á Illa de Ons –contorna do Faro, a recente actuación no camping e o xacemento arqueolóxico da praia de Canexol– (Saída do barco desde o peirao de Bueu).

 

COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DE SANTIAGO

TEMA.- Visita guiada ao Pazo de Ramirás –antigo Colexio dos Irlandeses– 

A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia organizará no Día Mundial da Arquitectura, o vindeiro luns, día 1, unha visita guiada ao Pazo de Ramirás (antigo Colexio dos Irlandeses), situado na rúa Nova número 44 de Santiago, ás 12:00 horas. A actividade ten prazas limitadas con inscrición previa no mail xd.santiago@coag.es. Na visita explicaranse as características do edificio e das épocas na que foi construído e polas que foi modificando o seu uso.

Nun momento no que as cidades históricas se centran na súa actualización tecnolóxica, a Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos quere reivindicar a capacidade dos edificios históricos para facer fronte aos verdadeiros desafíos da arquitectura doméstica. Así, neste día os arquitectos invitan a participar na visita a un edificio especialmente descoñecido e de gran valor histórico: o Colexio dos Irlandeses ou tamén coñecido como Pazo de Ramirás.

Este inmoble só tivo pretensións de palacio durante un breve período de tempo, entre o Marqués de Casa Pardiñas e o Conde de Ramirás, xa que foi creado a principios do século XVII como colexio-residencia para expatriados irlandeses e chegou aos nosos días como vivenda dunha familia da alta burguesía industrial da cidade que soubo identificar os valores nos que reside a verdadeira calidade de vida, materializados de forma excepcional na cidade histórica de Santiago.

Así, no edificio non se aprecia desbaratamento nin ostentación, senón unha rechamante discreción. Os seus únicos luxos, unha vez que se superan os escudos heráldicos da fachada e a gran escalinata central, son o contorno urbano, as vistas desde o seu interior e a sabedoría para organizar a vivenda que distingue á gran arquitectura. “A visita é unha oportunidade realmente única de realizar unha pequena viaxe no tempo, accedendo a unha vivenda doutra época, que chegou inesperadamente ata os nosos días conxelada no estado que tiña fai décadas” –sinala a secretaria da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos, Susana Rodríguez–. Ademais, explica que o edificio incorporouse ao programa de visitas da Semana do Patrimonio Invisible, organizado polo Concello de Santiago, quedando moitos interesados sen poder coñecelo debido ao alto número de solicitudes. Por este motivo, a delegación colexial decidiu realizar esta visita, para a que agradece as facilidades dadas polos propietarios do inmoble para a súa realización.

ACTIVIDADES ORGANIZADAS PARA A SEMANA DA ARQUITECTURA

  • Día1.- 12:00 horas. Visita guiada ao Pazo de Ramirás –antigo Colexio dos Irlandeses– (rúa Nova, 44).