Preséntanse en Pontevedra os premios Gran de Area para distinguir obras pola súa aportación á arquitectura, creación e á posta en valor da contorna

Os arquitectos galegos teñen ata 17 de setembro para entregar a documentación dos seus proxectos 

As propostas deberán ser achegadas a través da plataforma online de xestión de premios da web do Colexio de Arquitectos de Galicia: http://www.coag.es/premioscoag/candidaturas 

As Delegacións de Pontevedra, Vigo e Ourense do Colexio de Arquitectos de Galicia organizan conxuntamente unha nova edición “Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2018”. O acto de presentación das bases desta nova convocatoria do certame, que se celebrou hoxe na Delegación de Pontevedra do Colexio de Arquitectos de Galicia, estivo dirixido polo presidente da entidade colexial de Pontevedra, Manuel Abelleira, e os titulares dos colexios de Vigo, Antonio Davila, e Ourense, Alberto de Paula.

Estes galardóns supoñen un recoñecemento ao labor “conxunto e tan necesario” de todos os axentes que interveñen no proceso de xestación e construción dunha obra de arquitectura de calidade –arquitectos, promotores, construtores e aparelladores–. O obxecto do certame é destacar o valor da obra arquitectónica, unha “pequena pero importante aportación á arquitectura, á creación e á posta en valor da contorna”.

Nesta edición, a Delegación de Vigo é a responsable da organización da convocatoria. O criterio de selección será establecido polo xurado, que poderá valorar a totalidade do proxecto ou, unicamente, un determinado aspecto da obra que aporte un carácter singular ou de valor: tipoloxía, innovación tecnolóxica, baixo custo ou implantación no territorio, entre outros aspectos.

O xurado estará composto polos presidentes das tres delegacións, un colexiado de cada delegación a seleccionar pola súa Xunta Directiva, un colexiado seleccionado entre os premiados nos Premios “Gran de Area” da edición anterior –consensuado polas delegacións–, e a secretaria da delegación de Vigo que actuará con voz pero sen voto. 

Os gañadores coñeceranse en outubro, mesmo mes no que se celebrará o acto de entrega de diplomas en Vigo

Poderán optar aos premios todos os arquitectos colexiados, con proxectos redactados ou obras finalizadas na provincia de Pontevedra e Ourense, ata o último día de presentación válida desta edición, e que non foran presentadas en edicións anteriores do certame.

Cada arquitecto poderá presentar tantas obras como estime oportunas, cos datos relativos a promotores, construtores e aparelladores que o arquitecto considere tamén merecedores de recoñecemento. O prazo de inscrición e presentación da documentación dos proxectos rematará o 17 de setembro ás 23:59 horas. Pero este ano hai varias novidades. As propostas deberán ser achegadas pola web do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), a través da plataforma online de xestión de premios, no enlace: http://www.coag.es/premioscoag/candidaturas. Ademais, as delegacións abrirán un prazo de corrección das propostas presentadas, que estará aberto ata as 13:00 horas do martes 18 de setembro.

Os premios fallaranse no mes de outubro, e tamén neste mes celebrarase un acto de entrega de diplomas en Vigo para os arquitectos, promotores, construtores e aparelladores das obras distinguidas. Este acto complementarase coa organización dun ciclo de conferencias impartidas polos premiados, durante os meses de outubro e novembro na cidade viguesa.