A cura termal preséntase como unha terapia complementaria á medicina de cara a tratar o estrés e a ansiedade que produce desenvolver as actividades rutinarias da vida con dor

Neste proceso interveñen diversos profesionais sanitarios como expertos en hidroloxía médica, fisioterapeutas e psicólogos clínicos

O tratamento das doenzas crónicas e a promoción do benestar a través da balneoterapia. Este é o tema que vai centrar unhas xornadas que se celebran esta fin de semana no balneario ourensán de Arnoia, no marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia. Un grupo de estudantes galegos de Medicina que se están a formar na cura termal coñecerán as indicacións terapéuticas das augas mineromedicinais á hora de abordar a estes pacientes.

A coordinadora da Cátedra é a doutora Dolores Fernández Marcos. É médico especialista en hidroloxía médica e directora médico de Caldaria Termal, que aglutina os balnearios ourensáns de Arnoia, Laias e Lobios. Salienta que “a dor crónica é nalgúns casos unha entidade patolóxica en si mesma, xa que o paciente ten que enfrontarse tanto ao prognóstico da súa doenza como ao estrés que produce desenvolver as actividades rutinarias da vida con dor”. Nos centros de saúde este tipo de pacientes demandan repetidamente o alivio sintomático da dor que padecen. Nesta liña, “as diversas técnicas balneoterapéuticas que se aplican na actualidade axudan a diminuír a dor mecánica e permiten, nos meses posteriores á cura termal, que os enfermos realicen as súas tarefas cotiás con mellor calidade de vida física, ao tempo que se reduce o estrés ou ansiedade derivados de tales síntomas” -manifesta a doutora-. Afirma que “a cura termal non é resolutiva en si mesma, pero contribúe en boa medida á melloría dos pacientes”.

Na atención ás persoas con dor crónica poden intervir diferentes profesionais médicos e sanitarios que axudan a paliar a dor, as crises e a mellorar a calidade de vida destas persoas. É o caso dos médicos de familia, os fisioterapeutas, os psicólogos clínicos e os facultativos expertos en hidroloxía médica.

A doutora Fernández Marcos destaca “o uso da balneoterapia como terapia paliativa e non agresiva que axuda a diminuír a intensidade e os brotes de dor”. E sinala que “a balneoterapia xa é coñecida por moitos destes pacientes pero aínda é unha gran descoñecida para os médicos, polo que queremos incidir nos beneficios que se obteñen ao recibir unha cura balnearia, non dende un punto de vista etiolóxico, pero si axudando a mellorar e a corrixir algúns dos efectos adversos derivados dunha rutina diaria con dor”.

As xornadas comezan o venres ás 16:30 horas. A doutora Dolores Fernández Marcos abordará o papel dos balnearios como servizos sanitarios, ao tempo que incidirá no valor terapéutico das augas mineromedicinais no tratamento de procesos crónicos. A xornada concluirá cunha sesión práctica na que os futuros médicos coñecerán como se aplica a balneoterapia en doenzas reumáticas de carácter crónico, da man do fisioterapeuta do centro, Kamil Brezenzski. O sábado celebrarase un taller teórico-práctico centrado na comunicación eficaz entre o médico e o paciente e na realización da historia médica termal. Logo os asistentes gozarán dunha nova sesión práctica co fisioterapeuta e a xornada rematará pola tarde cun coloquio.