Unha publicación recolle os cen anos de historia da aviación en Compostela, dende o primeiro voo, que tivo lugar en 1912, pasando pola creación do aeroporto ata a actualidade

O libro, coeditado polo Consorcio de Santiago e Andavira Editora, preséntao esta tarde o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, ás 20:00 horas na Fundación Torrente Ballester

O Consorcio de Santiago e Andavira Editora acaban de publicar 100 anos de aviación en Compostela, un libro de Xerardo Rodríguez Arias. Presentarase esta tarde na Fundación Torrente Ballester, ás 20:00 horas. No acto estarán, ademais do autor, o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega; a xerente do organismo interadministrativo, Belén Hernández; o responsable de Publicacións do Consorcio, Juan Conde; xunto á directora de Andavira Editora, Lucila Ventoso.

Esta publicación é o resultado dun estudo que se prolongou durante oito anos debido á inexistencia de traballos previos neste eido. Xerardo Rodríguez sinala que o libro “recolle o esforzo dos composteláns que dende principios do século XX puxeron o seu gran de area para o desenvolvemento da actividade aeronáutica na cidade, sobre todo os integrantes do Aero Club Compostela, que, realizando unha misión máis propia das institucións públicas, souberon vencer todas as dificultades para dotar a Santiago e a Galicia dun extraordinario aeroporto, triunfando na aventura que eles soíños emprenderon, con pouca axuda nas institucións locais”.

O autor salienta que os fitos máis importantes relacionados coa aviación, que aconteceron en Compostela no primeiro terzo do século pasado, foron protagonizados polos sectores máis dinámicos da sociedade: a Liga de Amigos de Santiago, que en 1912 posibilita os primeiros voos, e o Aero Club Compostela, que só vinte anos despois dá os primeiros pasos para a construción dun campo de aviación, que se materializa en 1935. Neste libro recóllese a xénese deses proxectos, as vicisitudes no desenvolvemento da primeira infraestrutura aeroportuaria de Galicia, así como o papel destacado de persoas e institucións protagonistas neste percorrido polo pasado recente da cidade de Santiago.

O primeiro voo en Santiago protagonizouno Maurice Poumet no campo de Boisaca e deixou a cidade baleira durante cinco horas

A publicación parte do primeiro voo que se realizou en Galicia, o 18 de xuño de 1911, protagonizado por Benito Loygorri en Lugo. Un ano despois, o 1 de agosto de 1912, tivo lugar o primeiro voo en Santiago, da man de Maurice Poumet, que, a pesar da súa xuventude (23 anos), era un dos aviadores que máis voos executara en España ao longo dese ano. Foi no campo de Boisaca, onde se creou unha enorme expectación, con autobuses chegados de diferentes puntos de Galicia para asistir ao espectáculo, mesmo se fixo unha chamada ao peche do comercio local. “O campo e os outeiros dos arredores estaban ateigados de público, a cidade quedou practicamente baleira durante cinco horas” -relata o autor-.

A xénese do aeroporto de Lavacolla

“A historia da aviación en Compostela é fundamentalmente a historia do seu aeroporto, que comeza a xestarse en 1932 e dá os seus primeiros pasos coa estrea do campo de aterraxes en xullo de 1935. Despois das dúbidas iniciais das autoridades militares sobre o seu deseño, dende o inicio da Guerra Civil ata ben entrados os anos corenta, o nomeamento en 1945 do ferrolán Francisco Iglesias Brage como xefe de obras do Sector Aéreo de Galicia posibilitará o proxecto dun magnífico aeroporto con tres pistas, garante das comunicacións aéreas da comunidade” -explica Xerardo Rodríguez-.

“Cinco anos despois, a transcendencia na Coruña das palabras do ministro do Aire no acto de inauguración da pista asfaltada de Lavacolla marcará o futuro destas instalacións, que, no inmediato, pasa pola desaparición do Sector Aéreo de Galicia, a destitución de Iglesias Brage e a paralización das obras, cuxo investimento previsto para o ano 1951 se transvasa para iniciar as obras do aeroporto de Alvedro, o transoceánico da Lanzada e o remate de Peinador. A partir dese momento, a evolución da infraestrutura compostelá irá sempre parella e condicionada polo devir desoutras instalacións e non polas necesidades de seu”  -declara o autor-.

Tal como se recolle na publicación, na actualidade o aeroporto de Lavacolla mantén conexións con 29 cidades, das que trece son europeas, unha latinoamericana, sete peninsulares, cinco coas Canarias e tres coas Baleares; fornecidas por nove compañías de tráfico regular. En Lavacolla operan ademais unha compañía dedicada ao tráfico chárter xerado polos programas do Imserso e outra centrada no transporte de mercadorías, con base propia neste aeroporto.

O autor, un estudoso do noso pasado aeronáutico

Xerardo Rodríguez estuda Enxeñaría Técnica en Barcelona. No ano 1971 ingresa por oposición no Corpo Especial de Controladores da Circulación Aérea, no que desempeña diferentes postos de traballo operativos, primeiro na cidade barcelonesa e despois en Santiago, onde transcorre a maior parte da súa vida profesional. Posúe unha ampla experiencia en formación e instrución de controladores. No marco laboral de AENA foi membro do Grupo de Seguridade ATM da Dirección de Tránsito Aéreo, no que permanece tres anos. En 1994 é nomeado xefe de división do Centro de Control de Área Terminal do Noroeste, cargo que abandona dez anos despois. Agora, xubilado, dedícase á investigación do noso pasado aeronáutico.