Román Montesinos expón por primeira vez as súas fotografías de “metáforas visuais” en Santiago

“Propoño ao espectador un xogo baseado en alusións e continxencias entre obxectos” 

O paleontólogo coruñés amosará 30 obras nunha mostra titulada “No le busques tres pies al gato”, que se inaugurará na asociación Área Empresarial do Tambre o luns 5, ás 20:00 horas

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AEPIT) acollerá o luns, día 5, a inauguración da exposición de fotografía “No le busques tres pies al gato” de Román Montesinos, ás 20:00 horas. A mostra, que estará exposta na asociación ata o 30 de marzo, chega por primeira vez a Santiago tras máis de 50 exposicións individuais e colectivas por toda Galicia, España e o estranxeiro.

“No le busques tres pies al gato” mostra unha colección de 30 fotografías, en diversos formatos e en cor ou en branco e negro, nas que se establece unha simbiose entre obxectos en busca dunha metáfora, un universo no que as continxencias conducen a greguerías (termo literario acuñado polo escritor Ramón Gómez de la Serna) e transportan cara a visións imaxinarias onde o humor, a crítica social ou a ironía son fíos condutores.

Román Montesinos (A Coruña, 1952) confesa que esta asociación de obxectos dispares pode xurdir de golpe, de forma aleatoria ou continxente, ao descubrir un obxecto en calquera lugar. Outras veces explica que esta asociación é buscada, ao soster un obxecto nas mans e deixar que a mente divague en pos dunha nova imaxe composta de ambas.

En moitas ocasións, as súas fotografías foron descritas como “imaxes visionarias”, aínda que como apunta o autor pertencen máis ben ao ámbito da metáfora. “Son fotografías espidas, nas que os obxectos son protagonistas sobre fondos brancos, negros ou neutros, mostrando o concepto sen distraccións, para que a imaxe choque directamente cos ollos e a mente do espectador e xere unha reacción” –manifesta–.

Neste proxecto, Montesinos mantén vixente a súa liña de indagación e expositiva, as “metáforas visuais”, que o autor leva desenvolvendo como proxecto creativo desde fai anos, e que se relacionou –máis ou menos afortunadamente– coa “poesía visual” de Joan Brossa ou Chema Madoz, referencias neste campo en España. “Propoño ao espectador un xogo baseado en alusións e continxencias entre obxectos, un diálogo entre espectador e autor no que o primeiro é libre de reinterpretar o exposto adaptándoo a súa singular forma de pensar” –destaca–. 

Os caleidoscopios humanos

Ademais, o autor sinala que estas fotografías teñen proposto un título, pero a capacidade de cada observador e as súas vivencias farán que xurdan interpretacións dispares, xa que segundo asegura o autor “a mente humana compón caleidoscopios a partir dunha soa imaxe”.

Esta exposición formou parte de catro mostras de carácter internacional que o autor tivo en 2017 no Museum House of Humor and Satire (Gabrovo, Bulgaria), no Forte São Francisco de Chaves Hotel (Portugal), no Veliko Tarnovo (Bulgaria) e na Universidade de Tabriz (Irán).

Román Montesinos é xeólogo e foi profesor universitario ata a súa recente xubilación. A que foi a súa especialidade, a paleontoloxía, condicionou a súa forma de pensar á hora de establecer paralelismos críticos entre as formas, buscando analoxías e diferencias. Unha longa aprendizaxe levouno a recalar desde fai anos na fotografía. Máis de cincuenta mostras individuais, varias colectivas e a súa participación en varios proxectos artístico-fotográficos, fixéronlle un oco entre os creadores de imaxes.