Un total de 679 galegos maiores de 60 anos poderán beneficiarse ao longo deste ano de estadías de dez días en balnearios da comunidade a un prezo de entre 287 e 361 €

O prazo para poder optar a unha destas prazas, que ofrece o programa “Benestar en Balnearios” da Consellería de Política Social, remata o 16 de maio para a primeira quenda e o 31 para a segunda

Participan 13 balnearios galegos, 5 na provincia de Ourense, 4 en Pontevedra, 3 en Lugo e 1 na Coruña

A Consellería de Política Social ten en marcha unha nova edición do programa “Benestar en Balnearios”, no marco do cal se ofertan prazas para estadías e tratamentos en centros termais de toda a comunidade. Convócanse un total de 679 prazas para participar nesta iniciativa en diferentes quendas ao longo do ano. As solicitudes poderán presentarse ata o 16 de maio para as quendas de maio e xuño e ata o 31 de maio para as de xullo a outubro.

Requisitos para participar no programa

Poden beneficiarse deste programa os maiores de 60 anos e tamén os maiores de 55 que reúnan a condición de pensionista polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións. Os solicitantes deberán estar empadroados e residir nalgún Concello da comunidade galega. Terán que valerse por si mesmos para as actividades da vida diaria e estar en condicións de participar no programa. Non poderán padecer alteracións do comportamento que poidan afectar á normal convivencia nos establecementos, nin ningunha enfermidade transmisible con risco de contaxio. E carecer de contraindicación médica para recibir os tratamentos termais.

A persoa solicitante poderá ir acompañada do seu cónxuxe ou parella, sempre que cumpra os requisitos indicados, agás o relativo á idade. Tamén poderán participar, en calidade de acompañantes, os fillos dos solicitantes que teñan un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre e cando se poidan desprazar con autonomía e cumpran todos os requisitos citados agás o referente á idade.

Na valoración das solicitudes primaranse os ingresos económicos e a idade dos solicitantes.

Presentación de solicitudes

Os interesados poden consultar toda a información sobre o programa “Benestar en Balnearios” na web http://benestar.xunta.es/web/portal/portada, para coñecer as indicacións terapéuticas de cada centro, as datas e quendas de cada un e os prezos que ofertan. As estadías son de dez días con diferentes quendas ao longo do ano. As tarifas, moi accesibles, varían en función do establecemento hoteleiro e das características de cada balneario, entre os 287,50 e os 361 €.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Opcionalmente, poderanse presentar de xeito presencial en calquera rexistro da Xunta de Galicia ou nos municipais. 

Tratamentos termais con fins terapéuticos e actividades socioculturais

O programa inclúe aloxamento e manutención en réxime de pensión completa e en cuartos dobres de uso compartido. Ademais, os beneficiarios poderán someterse a tratamentos termais con fins terapéuticos, que comprenden: o recoñecemento médico ao ingresar no balneario para a correcta prescrición do tratamento, o tratamento que prescriba o facultativo do balneario, o seguimento médico do tratamento, xunto coa participación en actividades de animación sociocultural que se leven a cabo no establecemento termal.

Participan 13 balnearios de toda Galicia

Nesta convocatoria participan un total de 13 balnearios de toda Galicia. Da provincia da Coruña o Balneario de Carballo. Da provincia lucense están o Balneario de Augas Santas (Pantón), o Balneario de Lugo-Termas Romanas e Río Pambre (Palas de Rei). De Ourense participan os establecementos termais de Baños de Molgas, Arnoia Caldaria Hotel Balneario, Laias Caldaria Hotel Balneario (concello de Cenlle), Lobios Caldaria Hotel Balneario e o Gran Balneario do Carballiño. E en Pontevedra os balnearios de Baños da Brea (situado en Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Termas de Cuntis e Balneario Acuña (en Caldas de Reis).

Os interesados poden informarse chamando ao teléfono 981 546 737 da Subdirección Xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia, así como nas Xefaturas Territoriais da Consellería de Política Social, nos Centros Sociocomunitarios de Benestar da Consellería, nos  servizos sociais comunitarios dos concellos e nos servizos sociais de atención primaria e especializada de saúde. Tamén poden chamar ao Teléfono Social: 900 333 666.