Os balnearios galegos prevén unha ocupación media do 90% durante a Semana Santa, cunha estimación do 100% en varios establecementos

Son cifras superiores ás de anos anteriores, incremento que valoran “moi positivamente” dende a asociación sectorial

A Asociación de Balnearios de Galicia prevé unhas taxas de ocupación durante as vacacións de Semana Santa do 90%. Estímase ademais que estas cifras poderían chegar ao 100% en varios establecementos termais da comunidade.

A Asociación de Balnearios de Galicia valora “moi positivamente” estes datos de estimación da ocupación posto que superan as cifras de anos anteriores. O xerente da entidade, Benigno Amor, destaca a “estabilidade” de Galicia e das comunidades limítrofes como principais territorios emisores de termalistas grazas a unha “oferta variada, de calidade e, ademais, altamente competitiva”.

“Os balnearios galegos xa gozan dun prestixio, os usuarios posúen un coñecemento cada vez mellor das súas ofertas, ao que se suma a existencia de programas terapéuticos cunha demanda crecente” -asegura o xerente da Asociación-. Nesta liña, salienta que os visitantes que optan por un centro termal por motivos lúdicos pode aproveitar tamén para coñecer os programas terapéuticos destinados a tratar doenzas crónicas como a reuma, os trastornos respiratorios ou diferentes problemas na pel, entre outras.

A Asociación está integrada por 19 balnearios das catro provincias 

A Asociación de Balnearios de Galicia está integrada por un total de 19 balnearios de toda a comunidade. Na provincia da Coruña atópanse o balneario de Carballo e o de Compostela (Brión). Na provincia de Lugo están o de Guitiriz, Augas Santas (Pantón) e as Termas Romanas de Lugo. Na provincia de Ourense están representados os de Arnoia, Baños de Molgas, Laias (no concello de Cenlle), Lobios, O Carballiño e Caldas de Partovia (os dous no Carballiño). E na provincia de Pontevedra atópanse os de Acuña e Dávila (os dous en Caldas de Reis), Termas de Cuntis, Baños de Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Isla de La Toja, Gran Hotel La Toja e o Balneario de Mondariz.