Publícase un libro sobre a atención integral a pacientes oncolóxicos, que destaca o uso de medicinas e terapias alternativas eficaces para mellorar a calidade de vida física e emocional dos enfermos

Estímase que entre un 35 e un 60% dos enfermos recorren a medicinas alternativas e complementarias pero sen comunicarllo ao seu oncólogo 

A directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentará a publicación esta tarde na facultade de Medicina da Universidade de Santiago

A Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia acaba de publicar o libro “Oncología Integrativa (II). Integrando otras miradas en el proceso de atención a pacientes oncológicos”. Presentarase esta tarde, ás 19:30 horas, na Facultade de Medicina da USC, coa presenza da directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; o director da Cátedra e decano da facultade de Medicina da USC, o doutor Juan Gestal Otero; os editores, Lourdes Vázquez e Salvador Ramos; a vicerreitora de Internacionalización da USC, Almudena Hospido; xunto ao vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto López.

O libro está coordinado polo doutor Salvador Ramos, director médico do Talaso Atlántico; e Lourdes Vázquez, profesora de Nutrición e Bromatoloxía da Universidade de Santiago. Como directores do curso homónimo de verán da Universidade de Santiago que cada ano se celebra nun centro termal da comunidade, decidiron publicar as intervencións de todos os especialistas nacionais e internacionais que participaron no mesmo na edición de 2016.

O paciente debe ser o centro de todo o proceso

Tal como salienta o doutor Ramos, “o cancro representa un problema socio-sanitario de gran magnitude. E as necesidades asistenciais dos pacientes oncolóxicos van máis alá de poder dispoñer dos mellores procedementos diagnósticos e terapéuticos posibles”. Nesta liña, manifesta que “aínda queda moito camiño por percorrer se se queren ofrecer plans de tratamento centrados no paciente”. Indica que “se fala con moita frecuencia de tratamentos personalizados en oncoloxía, cando en realidade son tratamentos individualizados, baseados nas características biolóxicas peculiares de cada tumor -e nese campo os avances son notables-, pero dista moito dun tratamento que atenda de maneira global á persoa afectada”.

A Oncoloxía Integrativa refírese a un proceso de atención que integra ao paciente como centro e protagonista fundamental; coidando todas as dimensións da persoa, é dicir, corpo, mente e sociedade. Isto inclúe a un equipo cada vez máis interdisciplinar de profesionais de todos os niveis asistenciais que deben actuar de forma coordinada: médicos, enfermeiros, nutricionistas, psicólogos, fisioterapeutas e preparadores físicos, sociólogos, terapeutas ocupacionais, educadores… Ademais, apóiase a utilización de medicamentos e terapias alternativas e complementarias que sexan de utilidade ao longo de todo o proceso da enfermidade.

As medicinas e terapias complementarias

A Oncoloxía Integrativa combina a medicina convencional coas prácticas da medicina complementaria e alternativa que teñen demostrado seren eficaces, co fin de aportar ao paciente unha atención e un tratamento máis completo. Estes medicamentos e terapias úsanse asociados ao tratamento médico convencional como medida de soporte para o control dos síntomas, a melloría da calidade de vida e a contribución á saúde global do enfermo, tanto na dimensión física como na emocional.

“Estímase que entre un 35 e un 60% dos pacientes oncolóxicos recorren a elas ao longo da súa enfermidade, a maioría das veces sen comunicarllo ao seu oncólogo, de aí a necesidade e a importancia de abordar este aspecto, tal como se está a facer nos máis prestixiosos centros oncolóxicos do mundo. Os pacientes deben dispor de información científica e seria de cara a discernir entre o que poden e non poden facer” -salienta o doutor Ramos-.

A alimentación e o exercicio, piares fundamentais na prevención, tratamento e supervivencia da enfermidade

Na publicación recóllense os factores de risco da enfermidade, o proceso de coidar a persoas afectadas por cancro, as necesidades do paciente como base do coidado e a toma de decisións compartidas. Tamén se fai referencia á utilidade da medicina natural, a fisioterapia, a talasoterapia e o tratamento con augas mineromedicinais. Incídese na importancia da alimentación e o exercicio físico como piares fundamentais na prevención, tratamento e supervivencia da enfermidade. E préstase unha atención particular ás necesidades especiais do cancro na infancia e na adolescencia.

O libro trata ademais o impacto do cancro no ámbito laboral e o retorno ao traballo despois da enfermidade; así como o impacto na imaxe persoal, na sexualidade e na fertilidade.

Profesionais, pacientes e familiares

A través destes cursos de verán da Universidade de Santiago búscase coñecer os distintos aspectos que os diferentes profesionais socio-sanitarios poden aportar para mellorar o proceso de atención a pacientes oncolóxicos. Realízase un achegamento ás medicinas alternativas e complementarias, ao tempo se abordan os aspectos sociolóxicos do cancro tanto a nivel individual como a nivel de fenómeno social. E compártense experiencias entre profesionais (presentes e futuros), pacientes e tamén familiares.

Ademais das intervencións dos diferentes expertos, desenvólvense talleres e actividades prácticas sobre como cociñar de maneira saudable e apetecible, a hidrocinesiterapia (terapia baseada no exercicio dentro da auga) en piscinas termais, a marcha nórdica e o exercicio no medio natural, xunto a sesións de educación nutricional.

O curso deste ano vaise celebrar no Talaso Atlántico entre o 17 e o 20 de xullo e o prazo para inscribirse no mesmo remata o día 7.