O Colexio de Arquitectos de Galicia presentou as alegacións ao proxecto integrador da estación intermodal de Ourense que explicará na mobilización cidadá deste xoves-29 na Ponte Vella

Solicita que non se tramite ao “non conseguir mobilidade sustentable e mellora da permeabilidade entre barrios”, obxectivos previstos no convenio asinado entre Ministerio de Fomento, Xunta, Concello e Adif

A entidade colexial aspira a unha proposta global, que non xurda da anexión de tres proxectos diferentes

O Colexio de Arquitectos  de Galicia presentou as alegacións ao proxecto integrador da estación intermodal de Ourense, que abrangue proxectos da estación de ferrocarril e conexións de permeabilidade transversal, estación de autobuses e aparcadoiro para turismos. A entidade colexial solicita que o proxecto de integración presentado non sexa tramitado pola vía proposta, procedéndose a realizar as actuacións necesarias para expor un único proxecto que, analizando globalmente todo o espazo, consiga realmente os obxectivos de mobilidade sustentable de maneira rápida e eficiente e unha evidente mellora da permeabilidade entre barrios.

Estes obxectivos básicos quedaron fixados o 22 de xuño de 2016 na sinatura do convenio marco de colaboración entre o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia, o Concello de Ourense e a entidade pública empresarial Adif-Alta Velocidad para o desenvolvemento da futura estación intermodal de Ourense e o seu contorno urbano.

O Colexio de Arquitectos de Galicia demanda unha proposta global, que non xurda da anexión de tres proxectos diferentes, senón que sexa punto de partida para a súa posterior redacción, derivando nunha ordenación xeral do ámbito afectado e resolvendo todas as necesidades xeradas pola dinámica urbana, onde se propoñan as operacións necesarias para que dun xeito práctico e efectivo se poidan acadar os obxectivos fixados polas Administración Públicas. Para facer público o descontento social e estas demandas, a Delegación de Ourense do Colexio de Arquitectos asistirá á convocatoria cidadá promovida por diversos axentes sociais, politicos e sindicais da cidade o xoves, día 29, ás 20:30 horas na Ponte Vella do barrio de El Puente.

Á vista do documento do proxecto integrador en exposición pública, o Colexio de Arquitectos de Galicia considera que non se cumpren os citados obxectivos. Asegura que a proposta non mellora a mobilidade sustentable de modo rápido e eficiente. “A estación de autobuses séguese a situar por detrás do centro de saúde da Ponte, cunha entrada e saída de autobues ubicadas nos extremos, configurando este espazo sanitario como unha auténtica glorieta de tráfico. Todos os movementos dos autobuses e do resto de vehículos relacionados con esta denominada intermodalidade realízanse a través da xa saturada rúa Eulogio Gómez Franqueira, sen viais alternativos que canalicen ese substancial incremento de tránsito a maiores” –sinala–.

O proxecto prevé un movemento de 261 autobuses diarios, o que supón a entrada ou saída dun vehículos cada 3,2 minutos, de 8:00 a 22:00 horas, aos que hai que sumar todos os movementos dos autobuses urbanos. “A propia análise de viabiabilidade, encargada pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda, recolle textualmente que a existencia do centro de saúde condiciona gravemente o espazo dispoñible para a existencia de autobuses” –lembra o Colexio de Arquitectos–.

Ademais, o departamento autonómico explicou na súa análise que é preciso ocupar todo o espazo, de maneira que o patio de dársenas se estenda pola parcela ata os muros laterais e traseiros de peche do centro de saúde. “Esta análise de viabilidade prevé 128 chegadas e 131 saídas diarias de autobuses de media e longa distancia da futura estación de autobuses, incrementado ademais de manera substancial polos traxectos dos autobuses urbanos, deixando a resolución desta densidade á instalación de cabezas semafóricas para facilitar a saída á mencionada rúa Eulogio Gómez Franqueira, cunha advertencia expresa recollida nesa análise de viabilidade: tense que vixiar a dobre fila na rúa” –indican–.

O Colexio sinala que nesta rúa resólvese tamén a entrada e saída do aparcadoiro público previsto para aproximadamente 250 vehículos, aos que se suman outros 50 destinados a arrendamento e outra zona para paradas de taxis, autobuses urbanos e o “kiss and ride” (aparcadoiro rápido para deixar ou recoller viaxeiros).

“Resulta evidente que con esta proposta non se consegue a conexión urbana entre os barrios da Ponte e o Vinteún, os espazos urbanos que a propia estrutura urbana fragmentou no seu día”

Para acadar a permeabilidade transversal no contorno da estación intermodal de Ourense, o Colexio apunta que a proposta derivada da ubicación da estación de autobuses desenvólvese nun espacio limitado, ao non liberar algúns espazos fundamentais ocupados por praias de vías e antigas construcións, o que provoca que a plataforma que cubre o caixón ferroviario xere uns muros “verdes” de máis de oito metros de altura ao lado de estreitas beirarrúas. “Ao longo da avenida de Marín, desde a ponte situada sobre esta avenida e case ata a estación de ferrocarril, aparecerá un muro desas dimensións que sustentará a praza elevada e dará forma a un vial rodado sobre as vías, que neste tramo dispón dunha pendente dun 11%” –explican os arquitectos–.

Por outra parte, a desexada conexión entre os barrios resólvese cun vial rodado, unha pasarela pola que se accederá desde o barrio da Ponte cun ascensor ou unha morea de chanzos. “Resulta evidente que con esta proposta non se consegue a conexión urbana entre os barrios da Ponte e o Vinteún, os espazos urbanos que a propia estrutura urbana fragmentou no seu día. Trátase dunha proposta constreñida, case abusiva e invasora do espazo máis saturado do ámbito. É algo incomprensible, tendo en conta que Adif dispón de decenas de miles de metros ocupados por praias de vías e antigas construcións sobre as que non se intervén en absoluto e que darían a chave para solucionar a maior parte dos problemas que se observan na opción que está exposta ao público” –considera o Colexio–.