O Parlamento europeo celebra o venres a xornada de Euroscola, debate no que participarán 24 alumnos do IES Rosalía de Castro

Un grupo de 24 alumnos do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela viaxa a Estrasburgo para participar o venres, 7 de abril, nun debate no Parlamento europeo ao que concorren uns quiñentos alumnos de 1º de Bacharelato doutros países. Asisten acompañados dos profesores de Galego e Xeografía e Historia, Xabier Mouriño e Dolores García, e tras superar unha eliminatoria previa. É a quinta vez consecutiva que gañan esta convocatoria e, nesta xeira –porque hai varias ao longo do ano–, é o único grupo español.

A xornada arrancará coa constitución de seis comisións de traballo, para logo debater en pleno, emulando a propia rotina parlamentaria. Os temas sobre os que está programado discutir son medio ambiente e enerxías renovables; seguridade e dereitos humanos; axuda ao desenvolvemento; o futuro de Europa; migración e integración; e emprego xuvenil. Así que cada grupo reflexionará sobre o seu tema antes da posta en común. A mesa do Parlamento estará por tanto composta por seis membros, que serán elixidos alí mesmo.

O profesor Mouriño confía en que algún alumno rosaliano sexa quen de ser elixido para estar na mesa, como xa ocorreu noutras ocasións: “Cómpre mostrar expresividade e dotes de liderado para que rapaces que se acaban de coñecer poidan lograr esa representación. Estamos moi animados e convencidos de que será unha experiencia única para eles. Xa temos moita experiencia en Euroscola”.

O grupo aproveitará a viaxe para pasar uns días en Reims e París, cuxo regreso está previsto para a noite do martes, 11 de abril.