A Real Academia Galega de Belas Artes elixe a Manuel Gallego Jorreto como novo académico de honra

A proposta foi amplamente defendida polos méritos de tan relevante arquitecto, Premio Nacional de Arquitectura en 1997 e medalla de ouro do Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España en 2010 

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), na sua sesión ordinaria celebrada o pasado sábado 1 no Día das Artes Galegas, elexiu como novo académico de honra ao doutor arquitecto Manuel Gallego Jorreto (O Carballiño, 1936).

A proposta foi amplamente defendida en base aos méritos de tan relevante arquitecto, profesor do Departamento de Proxectos Arquitectónicos e Urbanismo da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña (ETSA-UDC) durante máis de vinte anos, autor de numerosos proxectos, posuidor de importantes premios e distincións, entre os que destacan o Premio Nacional de Arquitectura (1997), Premio na IV Bienal de Arquitectura Española (1997) e medalla de ouro da arquitectura do Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España (CSCAE) en 2010.

Manuel Gallego é autor de obras como a residencia do presidente da Xunta de Galicia (Santiago), o complexo administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo (Pontevedra), as casas da Cultura de Chantada (Lugo) e Valdoviño (A Coruña), catro centros de investigación no Campus Vida (Santiago), a casa do Concello e o centro sociocultural de A Illa, e o Museo das Peregrinacións e de Santiago –ao pé da catedral compostelá–, entre outras repartidas por Galicia. 

Conferencia dos Martes das Artes sobre vivenda e cambio climático

Ademais, a Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrará mañá martes, día 4, a conferencia “Galicia, vivenda e cambio climático” que impartirá o arquitecto e catedrático do departamento de Construcións Arquitectónicas da ETSA da UDC Joaquín Fernández Madrid, ás 20:00 horas na sede da Academia (praza Pintor Álvarez Sotomayor, 1, A Coruña). Trátase dunha charla que forma parte do ciclo de conferencias Martes das Artes sobre o patrimonio cultural de Galicia.

Joaquín Fernández Madrid, amosará ao logo da súa intervención os últimos estudos sobre o grado no que as construcións tradicionais e actuais alcanzan o confort dos seus usuarios, en relación coas variables climáticas. “Nun escenario ameazante de cambio climático, e co horizonte próximo de edificios de consumo case cero, é imposible dar recetas universais. Actualmente, apórtanse estratexias para preparar as vivendas aos retos da orientación, compacidade, inercia térmica, ventilación cruzadan ou vegetación” –explica–.

Nos últimos anos, Joaquín Fernández Madrid centrou a súa investigación, xunto con outros profesores do departamento, en analizar o estado do conxunto de vivendas de Galicia na súa adecuación aos retos ecolóxicos e climáticos actuais. O traballo desenvolveuse desde 2010 a 2014 e os seus resultados forman parte do proxecto “Adaptaclima”, que se pode consultar na web do Instituto Galego de Vivenda e Solo. Neste traballo caracterízanse os tipos construtivos de vivenda máis utilizados, tratando de cubrir todo o espazo da Galicia costeira como a do interior, tanto na modalidade urbana como a rural. “Unha vez caracterizada a vivenda e o confort dos seus usuarios, pásase a simular o comportamento higrotérmico daquela e a confrontar os seus resultados coas variables climáticas actuais e coas esperadas polo cambio climático” –sinala o arquitecto–.