O Pazo de Mariñán acollerá do 20 ao 22 de xuño o “I Encontro de creadores emerxentes”, organizado pola Real Academia Galega de Belas Artes, as tres Universidades galegas e os Conservatorios Superiores de Música da Coruña e Vigo

É unha aposta por impulsar aos artistas emerxentes, favorecendo o diálogo e o encontro entre disciplinas

Participarán 40 estudantes de Arquitectura, Didáctica da expresión plástica, Belas Artes e Música

A Real Academia Galega de Belas Artes presentou hoxe xunto ás tres Universidades galegas (Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña) e os Conservatorios Superiores de Música da Coruña e Vigo o I Encontro/Residencia de creadores emerxentes. Interaccións artísticas en Galicia, que se celebrará do 20 ao 22 de xuño no Pazo de Mariñán grazas á colaboración da Deputación da Coruña.

Ao acto de presentación, que se celebrou no espazo intervención cultural da Universidade da Coruña, NORMAL, asistiron a vicerreitora de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria, Margarita Amor; a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC, María del Mar Lorenzo; a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria da UVigo, Natalia Capparini; o vicepresidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Celestino García Braña; o vicedirector do Conservatorio de Vigo, Luis Costa; o director do Conservatorio da Coruña, Julio Mourenza; e o director do Encontro, Fernando Agrasar.

Neste encontro participarán uns 40 estudantes de últimos cursos de Arquitectura, Didáctica da expresión plástica, Belas Artes e Música e profesores destes centros. Os alumnos elixidos por cada centro presentarán unha obra sobre a que, nalgúns casos, xirará un intenso debate sobre o que significa a creación artística.

Celestino García Braña explicou que esta iniciativa xurdiu da constatación de que “nunca houbo entre as ensinanzas dedicadas ás artes a máis mínima relación e na Real Academia de Belas Artes vimos que era necesario organizar un espazo en común, para o que contamos coa colaboración da Deputación da Coruña”. O vicepresidente da entidade engadiu que o Pazo de Mariñán ía permitir non só a interacción dunhas horas senón un espazo de convivencia artística. Para el o que subxace a este Encontro é a necesidade de responder á pregunta de que é ser artista na actualidade. “Presentaranse obras que se situarán nos límites das experiencias artísticas nun mundo de características tan novidosas como as actuais” –concretou Celestino García Braña–.

Esta innovadora actividade é unha aposta por impulsar aos artistas emerxentes, favorecendo o diálogo e o encontro entre disciplinas. A iniciativa é froito dun convenio entre a Real Academia Galega de Belas Artes, as universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña e os Conservatorios Superiores de Música da Coruña e Vigo, e conta coa colaboración da Deputación da Coruña. O órgano provincial facilita a súa residencia no Pazo de Mariñán, aspecto que todos os asistentes recoñeceron como unha inestimable aportación e que servirá de espazo para unha intensa convivencia de tres días que será xerme de grandes resultados e contribuirá á viveza dos debates.