A lóxica arquitectónica de Alejandro de la Sota baseada no uso de novos materiais e a simplificación das formas, protagonista do Día das Artes Galegas

Manuel Quintana Martelo, presidente da Real Academia Galega de Belas Artes: 

“Un país sen cultura é un país morto e nós pretendemos unha cultura libre de intromisións alleas, viva, aberta, plural e que sexa esa a herdanza que deixaremos para o noso futuro” 

Celestino García Braña, vicepresidente da Real Academia Galega de Belas Artes: 

“Foi capaz de artellar un xeito de pensar a arquitectura desde as circunstancias específicas do seu presente e influír poderosamente na das xeracións posteriores”

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrou hoxe en Pontevedra, no Teatro Principal, un acto solemne para conmemorar o “Día das Artes Galegas 2018” dedicado este ano ao arquitecto Alejandro de la Sota Martínez (Pontevedra, 1913 – Madrid, 1996). Colaboraron na organización do evento o Concello de Pontevedra, Deputación de Pontevedra, Fundación Alejandro de la Sota, Colexio de Arquitectos de Galicia, Fundación Docomomo Ibérico e a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña.

Co acompañamento música da Coral Polifónica de Pontevedra iniciouse un acto que foi presentado pola decana da Facultade de Belas Artes, Silvia García González, e que contou co discurso inaugural do presidente da Academia, Manuel Quintana Martelo, e a asistencia e intervencións do conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, e do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. O vicepresidente e académico da sección de arquitectura, Celestino García Braña, leu unha emotiva glosa titulada “O arquitecto De la Sota ou a procura do esencial”, onde fará un percorrido pola vida e obra do pontevedrés.

Xa na cuarta edición do Día das Artes Galegas, Manuel Quintana Martelo destacou a figura de Alejandro de la Sota como “home e nome” sobradamente coñecido no mundo da arquitectura e de transcendencia social, que deixou unha forte pegada e é considerado un dos arquitectos españois máis influentes do século pasado.

Pero esta homenaxe non se circunscribe a un só día, senón que como sinalou o presidente a celebración durará todo o ano. Estará aberta ao público unha mostra no Museo de Pontevedra e a exposición “Alejandro de la Sota. 1913-1996”, promovida polo Colexio de Arquitectos de Galicia e inaugurada esta mañá na Praza da Ferrería, percorrerá as cidades galegas. Ademais, anunciou a realización dun vídeo con imaxes e achegas inéditas coa colaboración da Fundación Alejandro de la Sota e mesmo a edición dun libro que recolle comentarios sobre o arquitecto.

Nesta liña de difusión da nosa cultura, Quintana Martelo argumentou que para que a Academia poida traballar en prol da defensa do patrimonio cultural galego precisa apoio económico para “o día a día da institución”, formada por expertos nas seccións de pintura, escultura, arquitectura, música, museoloxía e arqueoloxía, expertos nas artes e artes da imaxe. “Un país sen cultura é un país morto e nós pretendemos unha cultura libre de intromisións alleas, viva, aberta, plural e que sexa esa a herdanza que deixaremos para o noso futuro” –sentenciou–. 

Emblema do Movemento Moderno español

Celestino García Braña tomou a palabra en nome da institución artística para recoñecer o labor creativo do arquitecto pontevedrés, “un dos máis notables da arquitectura española do século XX e o máis singular daqueles que vincularon a súa estratexia creativa ao Movemento Moderno”, avalado por respectables autores que deron constancia do seu excepcional traballo nas súas historias de arquitectura.

Como eixo principal da glosa, García Braña analizou o pensamento e obra de De la Sota, que aínda que fundamentados no seu presente de mediados de século, mantiña unha decidida vontade de proxectarse cara o futuro. “Foi capaz de artellar un xeito de pensar a arquitectura desde as circunstancias específicas do seu presente e influír poderosamente na das xeracións posteriores” –destacou–.

Tendo como escenario o Teatro Principal, un edificio que casualmente sufriu un incendio tal día coma hoxe e que foi reconstruído tras un concurso no que Alejandro de la Sota foi xurado, o vicepresidente da Academia fixo referencia á etapa inicial do arquitecto na Pontevedra dos anos vinte. A figura e potente personalidade do seu pai, Daniel de la Sota y Valdecilla, un enxeñeiro militar cartógrafo de orixe cántabra moi influínte na época, propiciou o contacto do seu fillo coa vida creativa e cultural da cidade a través dos ollos de Alexandre Bóveda ou Castelao, con lembranzas das horas transcorridas no Café Moderno ou nos ensaios da coral polífónica, pero principalmente o recordo da casa familiar na parroquia Salcedo.

Seguindo co seu relato, Celestino García Braña deu paso á madurez de De la Sota co seu traslado, primeiramente a Santiago, e despois a Madrid para cursar estudos de arquitectura. Aquí comezou a primeira etapa profesional do arquitecto coa súa incorporación ao Instituto Nacional de Colonización (INC) tralo fin da Guerra Civil, deseñando o que el mesmo denominou “Los poblados”, construcións dun proceso de desenvolvemento rural nas zonas máis deprimidas no país de posguerra. “Resultou ser un lugar de traballo privilexiado para un recente titulado, onde podía proxectar e construír núcleos de poboación” –apuntou–.

Garantida a aprendizaxe inicial, Celestino García Braña sinalou que os proxectos dos poboados de Esquivel ou Entrerríos axudáronlle a entender a arquitectura popular e a encamiñar a súa arquitectura á simplificación das formas, co fin de “acadar e descubrir a esencias das cousas, mediante a redución ao estrito e necesario”.

Outra das fixacións do arquitecto foi a experimentación con novos materiais. García Braña lembrou como de De la Sota comezou a ter inquietudes e mirar ao exterior para descubrir as posibilidades dos perfís metálicos, os prefabricados de formigón ou o vidro.

O catalizador de De la Sota: Marcel Breuer

Pero un pequeno libro do arquitecto húngaro Marcel Breuer será o detonante dun proceso que levará a Alejandro de la Sota a coroar unhas das cotas máis altas da arquitectura española do século XX. Celestino García Braña subliña a relevancia da obra “Sun & shadow” para o arquitecto, que lle axudou a descubrir o camiño a percorrer, e afirmar: “La arquitectura no debe entenderse como un hecho personal, sino abstracto, Debe reiterarse porque los problemas que ha de resolver son múltiples y repetidos”.

Aquí De la Sota inicia unha terceira etapa, cunha nova vida creativa e a construción da súa lóxica arquitectónica. “A súa concepción é operativa e confía na demostración a través da realidade dos edificios que chega a construír” –destacou García Braña, como tese fundamental dunha especie de “catecismo” de cabeceira para moitos arquitectos e que deixou unha pegada inestimable na arquitectura española.

García Braña internouse na recta final da glosa analizando as cuestións fundamentais da filosofía arquitectónica de De la Sota: o cambio tecnolóxico como artífice dunha nova arquitectura, rexeitamento de toda especulación formal e a arquitectura como resposta á vida. Coa oportunidade xa de usar novos materiais en España, Braña analizou como De la Sota utilizou primeiramente perfís metálicos de produción industrial, paneis prefabricados de formigón despois, as envolturas de chapa metálica e finalmente o vidro, como medios para a súa exploración do arquitectónico onde a formalización final dependía do material utilizado en cada caso, da técnica, da lixeireza conceptual e material e as instalacións.

Con respecto á cuestión da forma, Celestino García Braña sinalou que Alejandro de la Sota, coa súa renuncia consciente á procura da forma, conduciu o seu traballo á austeridade, a lograr a expresividade a partir da exploración das capacidades que derivan da utilización dun único material. E sobre a súa concepción da arquitectura como resposta á vida, destacou que o arquitecto inclinouse pola idea de uso.

E de forma nostálxica, Celestino García Braña despediu a súa glosa referenciando a súa etapa como alumno de Alejandro de la Sota, con lembranzas inesquecibles das súas leccións, ás veces enigmáticas, pero sempre axitadoras de tranquilas conciencias arquitectónicas. “O camiño andado por De la Sota foi longo e frutífero, con algúns dos edificios máis importantes da arquitectura española e europea, o seu pensamento arquitectónica, as caricaturas e debuxos, e a herdanza para os seus discípulos que enriquecen o panorama arquitectónico actual” –sinalou–.