Daniel Lorenzo detalla o soño de converter a Santiago nunha cidade de “valor museístico” promovendo o acceso a súa riqueza patrimonial co programa Compostela Sacra

“Perséguese a creación do gran museo, coa ampliación de espazos noutros edificios, a consolidación do proxecto cultural da Catedral, a xestión integral das coleccións artísticas e a desestacionalización turística” 

O director da Fundación Catedral ingresou hoxe na Real Academia Galega de Belas Artes como académico da sección de arqueoloxía e museoloxía, nun acto celebrado no Paraninfo do Pazo de Fonseca 

O director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo Santos (Pobra do Caramiñal, 1963) pronunciou hoxe o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) como académico da sección de arqueoloxía e museoloxía. O acto, que se celebrou esta tarde no Paraninfo do Pazo de Fonseca, estivo presidido polo titular da RAGBA, Manuel Quintana Martelo.

Emocionado e agradecendo a presenza de familiares e amigos, Daniel Lorenzo pronunciou o seu discurso de ingreso, titulado “Soños e proxectos sobre o Museo Catedral”. Para comezar, quixo agradecer sinceramente esta distinción outorgada pola Real Academia Galega de Belas Artes, unha tarefa para a que é consciente da súa “responsabilidade” e que tentará desempeñar con “lealdade e dedicación”, co obxecto de fomentar a investigación, a dedicación ás artes, a publicación de textos e, en xeral, a difusión monumental e artístico-cultural de Galicia, ademais de promocionar a produción artística, asesorar a organismos públicos e privados para a defensa, conservación e restauración do patrimonio cultural.

Aínda que cualificándose como académico “atípico”, ao non dispoñer de formación específica en museoloxía e museografía, Daniel Lorenzo confesou a súa condición de autodidacta, animado polo seu gusto pola arte e a beleza, paixón que desenvolve desde 2011 como director da Fundación Catedral de Santiago, que segundo as súas palabras é un “instrumento axeitado e eficaz para promover a xestión do patrimonio cultural da Catedral”.

Nun momento da súa disertación, Lorenzo sucumbiu ás lembranzas facendo un esbozo biográfico do seu antecesor como académico, Fernando Acuña Castroviejo, ao que louvou rememorando as súas investigacións nas pegadas romanas, como os mosaicos, esculturas, epigrafía e numismática, moitas delas pertencentes ás coleccións arqueolóxicas da Catedral.

Recitando diversos versos de Cabanillas, García-Bodaño ou Luís Seoane, Daniel Lorenzo mergullouse nos ricos fondos artísticos dunha Catedral “senlleira e maxestosa”, sen os que non se entendería a cidade de Compostela nin Galicia, encabezados por pezas como o Códice Calixtino ou o Pórtico da Gloria. No caso desta obra de arte realizada polo Mestre Mateo, Lorenzo explicou que actualmente xa está finalizado o seu proxecto de restauración, mecenado pola Fundación Barrié, e que se presentará o próximo luns día 2 de xullo. Neste punto, lembrou que se precisa elaborar un programa rigoroso que garanta a súa conservación, demandado polo estado da policromía e do soporte pétreo, así como pola responsabilidade coas próximas xeracións.

De forma máis detallada, o coéngo explicou que, tralas devanditas remodelacións da Catedral ao longo dos séculos, o templo é na actualidade un mosaico no que están presentes todos os estilos artísticos e representados os mellores arquitectos e escultores, pero sen perder a esencia que tiña no inicio da súa construción no ano 1075. “A nosa Catedral continúa a ser un templo aberto e vivo polo que cada ano pasan millóns de fieis, peregrinos, turistas, visitantes e composteláns” –sinalou–. Desde un punto de vista patrimonial, destacou un dobre reto: conservar unha obra de arte que contén numerosas pezas artísticas e acadar o necesario equilibro para que millóns de persoas, con diferentes motivacións e usos do edificio, o gocen confortablemente, coa maior seguridade para visitantes e o patrimonio cultural que acubilla o templo.

Nesta liña, Lorenzo subliñou que o Museo Catedral xoga un papel fundamental, dada a complexa xestión do conxunto respecto a outros monumentos relixiosos. Ten como misión a xestión, estudo, conservación e difusión dunha parte importante do patrimonio da Catedral, principalmente no referente ás coleccións artísticas de arqueoloxía, escultura, elementos arquitectónicos, numismática, pintura, ourivería, tapices e outras artes téxtiles, ademais doutros ámbitos sensibles como as escavacións arqueolóxicas e os restos ocultos.

Segundo relatou, xa se acometeron actuacións urxentes de conservación e rehabilitación no complexo catedralicio, en consonancia con Plan Director da Catedral de 2009 e co apoio do Goberno de España, Xunta de Galicia e Consorcio de Santiago, na fachada da Acibechería, Pórtico Real, Torre do Reloxo, e recentemente as Torres e fachada do Obradoiro e o Ciborio e a restauración do Pórtico da Gloria, ademais de estar en marcha outras actuacións nas cubertas da Catedral.

Un antes e un despois do Museo Catedral: a exposición do Mestre Mateo

O principal soño que compartiu co público no Paraninfo de Fonseca foi a configuración futura dun gran museo para albergar as mellores coleccións artísticas de Galicia. “Este proxecto cultural quere ensanchar os límites dos muros do conxunto catedralicio, partindo dun punto central de referencia como é a Catedral, para que toda a cidade de Santiago adquira un valor museístico a través da xestión do patrimonio cultural. Será o chamado programa Compostela Sacra que se desenvolverá nos próximos anos para promover o coñecemento e o acceso a unha riqueza patrimonial que permanece semioculta e descoñecida para os visitantes, converténdose en referencia e motor cultural e turístico de calidade” –argumentou–.

Fundado en 1928 como Museos catedralicios, Daniel Lorenzo sinalou que o Museo Catedral experimento neste inicio de século unha medranza considerable en todos os seus ámbitos, coa profesionalización da súa estrutura e xestión, converténdoo nun dos principais museos de Galicia, no máis visitado e o que conta coas coleccións máis salientables, como a última mostra temporal e itinerante entre 2016 e 2018 realizada pola Fundación Catedral, Real Academia Galega de Belas Artes e o Museo Nacional do Prado sobre o Mestre Mateo, que supuxo un punto de inflexión na capacidade organizativa e o prestixio do Museo Catedral.

O gran museo da cidade

No horizonte do centenario do Museo Catedral, que se celebrará en 2028, Daniel Lorenzo apuntou que se apostará polo museo como “instrumento catalizador” dos aspectos culturais da Catedral, no que se refire a conservación, investigación, estudo, exposición e difusión dos fondos artísticos da sé compostelá, que se desenvolverá a través dun plan museolóxico. “Os obxectivos que se perseguen son a creación do gran museo da cidade que necesariamente esixirá a ampliación de espazos noutros edificios, a consolidación do proxecto cultural da Catedral, a posta en valor e a xestión integral das coleccións artísticas, a desestacionalización e a minoración da presión turística sobre o templo, e rematar co desventurado tópico segundo o cal quen cruza os linteis dalgunha das portas da Catedral xa coñece Santiago e está todo visto” –concretou–.

E de forma sublime, Daniel Lorenzo pecho o seu discurso citando uns versos de Rosalía de Castro: “É feliz o que soñando more, desgraciado o que morre sen soñar”. Así deuse paso á resposta que pronunciou o membro numerario da sección de expertos nas artes e tesoureiro da Real Academia Galega de Belas Artes, Miguel Fernández-Cid Enríquez, quen eloxiou un discurso formulado desde a humildade por  Daniel Lorenzo. Ademais, Fernández-Cid destacou que a institución sempre considerou que a Igrexa, con tanto e tan variado patrimonio, debía estar representada e ninguén mellor que Daniel Lorenzo, unha persoa coa “cabeza ben ordenada” que se move no complexo mundo da xestión cultural en Galicia con “carisma, axilidade e traballo”, levando con gran éxito importantes proxectos na Catedral, que ata a súa chegada, eran “impensables”. Aínda que o coéngo describiu todos os proxectos como soños, Fernández-Cid inclínase por consideralo un recurso para facer a todos cómplices “soñando xuntos”, pero en realidade trátase dun proxecto específico, de execución, con datas, prazos e etapas marcadas, e case cos seus orzamentos económicos.