Fernando González presenta un poemario infantil sobre as grandes revelacións humanas, titulado “Zapatos máxicos”, no balneario Termas de Cuntis

Contou coa colaboración dun total de 17 artistas encargados de ilustrar os versos 

O acto celebrarase esta tarde, ás 20:30 horas 

O balneario Termas de Cuntis acollerá esta tarde, ás 20:30 horas, a presentación do poemario infantil “Zapatos máxicos” publicado por Edicións Fervenza, o último libro de Fernando González Graña. Trátase dun poemario infantil que reflexiona sobre as revelacións humanas.

No acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, o autor estará acompañado do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; do alcalde de Cuntis, Manuel Campos Velay; e dos representantes das empresas patrocinadoras (o xerente do restaurante Porta do Sol de Lamela, Miguel Villar; da responsable de Mi Vestidor Azul, Lidia Fontenla; do xerente de Talleres Louzao, Víctor Louzao; e do representante do balneario Termas de Cuntis, Andrés Campos). Así mesmo, tamén estarán presentes o total de 17 ilustradores que participaron no poemario.

A obra

En “Zapatos máxicos” a reflexión sobre as grandes revelacións humanas comparte espazo coa atenta observación das pequenas cousas que nos arrodean, mesturando a transcendencia coa retranca, a alegría, a felicidade e o sentido gozoso e lúdico da vida. Sempre coa preocupación do poeta por aquelas crianzas, como salienta na dedicatoria, que acaso non poden gozar do paraíso da infancia, como acontece coas persoas refuxiadas e vítimas de calquera dos conflitos e guerras.

Para dotar de maior atractivo, este poemario contou coa colaboración dun total de 17 artistas encargados de ilustrar os versos, como son Alberto Piñeiro Gonzalvos, Alfonso Uzal Montero, Álvaro Fernández Barreiro, Amalia López Brea “Luchi”, Carlos Uzal Cabanas, Francisco Ameijeiras Sánchez, Gabriela Lusquiños Santos, Manuel Fragoso, Manuel Riveira Rendo, María Rubio Pardo, Mario Touceda Torres, Puri Togariños, Ramiro Cimadevila, Rebeca Solla Maquieira, Regina Touceda Rey, Susana Perol Caldelas e Xaquín Blanco Chao.

Colaboracións

Esta publicación, editada por Edicións Fervenza, contou coa colaboración da secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, o Concello de Cuntis, Restaurante Enxebre Porta do Sol, Talleres Louzao, Mi Vestidor Azul e Termas de Cuntis.

O autor

Fernando González Graña, (Cuntis, 1962) é membro fundador da Asociación Cultural O Meigallo, asociación que recuperou a figura do ilustre galeguista, Roberto Blanco Torres. Formou parte do consello de redacción da revista “A Taboada”.

En narrativa ten publicado O Diario de Daniel (2001) e O móbil do crime (2015). En canto ao relato curto, conta con varios premios entre os que destacan o 3º premio do I Certame de Narracións Curtas Concello de Curtis con Carta de autodefensa do demo (2004); finalista na segunda edición deste mesmo certame con Amores que matan (2005); accésit no I Certame de Relato Curto “Asociación o Arrieiro” de Moraña con A lareira e o meu avó (2004) e primeiro premio na segunda edición do mesmo concurso literario con O salouco da ra (2005).

Como dramaturgo é autor das obras Clave Rosa (2003), Sálvese quen poida (2004), Eclipse (2006), Cousiñas do mar e do río (2006), O partido de fútbol do século (2008), Reciclaxe (2010), O máxico e tolo camiño a Compostela (2010)  e Ghuasá (2017), todas elas en Edicións Fervenza. En autoedición publicou o libro O misterio do faiado (2012).

No que respecta á poesía, publicou Chora o carro e A miña Magnolia amiga dentro dun libro recompilatorio editado pola fundación “A Solaina” de Piloño (2003); o poema O reloxo de area incluído no libro Darias (2011); e Pensamentos de liberdade. A Xoán Xesús González dentro da obra Verbo na arria (2017). Entre os premios poéticos destaca como gañador do Concurso Cartas de Amor de Radio Estrada (2007) e no certame Dez Palabras do Concello de Cuntis (2012).