A Casa da Troia crea a categoría de amigos do museo para “xerar un proxecto máis estable, participativo e cidadán”

Os xestores do espazo foron recibidos recentemente polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo 

A Asociación de Antigos Tunos Composteláns acordou crear a categoría de amigos do museo, polo que tamén ampliará a súa denominación, pasando a chamarse Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos e Amigos del Museo Casa de la Troya, cambio que esixe unha revisión dos seus estatutos. O seu presidente, Benigno Amor, explica que a intención é abrir “aínda máis as portas do museo estudantil a todas as persoas que desexen colaborar co proxecto”.

Unha vez realizadas as formalidades oportunas, definiranse as diferentes modalidades de cooperación co fin de procurar facilidades en función de distintos niveis de implicación. “O noso inmoble recrea o ambiente das pensións universitarias de fins do s. XIX, pero agora queremos poñer o museo no s. XXI, xerando un proxecto máis estable, participativo e cidadán. Tamén ampliaremos as nosas actividades, entre elas o da recuperación da Tuna Compostelana”, segundo indica Amor.

Outra das novidades deste ano é que a Casa da Troia abrirá máis días, entre eles a semana das Letras Galegas, que inclúe tamén o día dos museos. “Todo isto é posible grazas á consolidación e actualización das cotas de asociados, así como ao respaldo das tres institucións representadas no noso padroado, especialmente o da Xunta de Galicia, que tamén financiou un docudrama que xa está en fase de edición”, agrega.

O museo Casa da Troia recrea a pensión de estudantes e a vida universitaria de Santiago a finais do século XIX que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela La Casa de la Troya. Nela aloxábase o personaxe principal, Gerardo Roquer, e os seus compañeiros de estudos. Funcionou como hospedería de estudantes dende 1886 ata 1906 e abriu as súas portas como museo en 1993, xestionado pola Asociación de Antigos Tunos Composteláns.