“O sabor das Margaridas”, o novo thriller que chegará a TVG a finais de 2018

Esta ficción estará coproducida pola produtora CTV de onde parte a idea orixinal, e Televisión de Galicia

É unha serie policial de seis episodios, dirixida por Miguel Conde e protagonizada por María Mera, Tony Salgado, Ricardo De Barreiro e a colaboración especial de Nerea Barros 

Estase a rodar nestes días e a estrea será no último trimestre do ano

A CRTVG fai unha nova aposta pola ficción desta volta en coprodución con CTV, empresa especializada na creación e produción de contidos de entretemento e ficción para televisión.  “O sabor das margaridas”  é un thriller policial de seis episodios con localizacións exteriores en Abegondo, A Estrada, Vedra e Santiago, e nos estudios de CTV en Teo.Dirixida por Miguel Conde (director de “Serramoura”, “Seis irmás” e “Bajo suspenso”), a serie está protagonizada polas actrices Nerea Barros -gañadora do Goya á mellor actriz revelación por “A illa mínima” e María Mera (“Matalobos”, “Dalia, a modista”), e os actores Ricardo De Barreiro, coñecido polo seu extenso traballo en cine e recentemente en “Fariña”, e Tony Salgado destacado polas súas interpretacións en cine, teatro e televisión como na serie “Pazo de familia”. Como debutantes na pequena pantalla participan no proxecto os talentosos Sara Sanz e Jimmy Núñez. A rodaxe finalizará o próximo 22 de xuño e a súa estrea en TVG está prevista para este outono.

A estética, a paisaxe e a evolución das personaxes serán os trazos distintivos da serie, na que os segredos e a sede de vinganza manterán ao espectador pegado á pantalla.  Con “O sabor das margaridas”, a CRTVG e CTV  dan un paso máis en canto a calidade técnica e artística coa vista posta tamén no mercado internacional gracias aos seus estándares de calidade, temática e estética. É unha serie “evento” de 6 capítulos e de final pechado seguindo as novas liñas e hábitos de consumo dos telespectadores.

Sinopse

Rosa Vargas, unha muller forte, con recursos e que arrastra un pasado traumático. É unha axente da policía xudicial da Garda Civil que chega a un pequeno pobo para investigar a desaparición dunha rapaza conflitiva e sen familia á que ninguén parece interesado en buscar. Nas súas pesquisas contará coa colaboración de dous axentes locais cos que a relación non sempre será fácil. O que parece un caso sinxelo vai complicarse e volvéndose máis escuro e perigoso cando a investigación da desaparición de Marta vai sacando á luz outros segredos, misterios, asasinatos, chantaxes, drogas, prostitución… que ata ese intre permaneceran ocultos na vila “onde nunca pasa nada”.