Albino Jolas, Antonio Abad, Nando Pereiro, Nietto e Suly expoñen as súas pinturas e esculturas na exposición conxunta “4+1 Divergencias” no Centro Empresarial do Tambre

A mostra é a expresión sincera de cinco artistas que nos achegan aos seus traballos co prisma da sinceridade, do bo facer desas sensacións eternas que percorren a historia da arte 

Inaugurarase hoxe martes, ás 20:00 horas, e estará aberta ao público ata o 22 de xuño

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AEPIT) inaugurará hoxe martes, día 29, a exposición “4+1 Divergencias” no Centro Empresarial do Tambre ás 20:00 horas. Trátase dunha mostra conxunta dos artistas Albino Jolas, Antonio Abad, Nando Pereiro, Nietto e Suly que asistirán ao acto inaugural acompañados polo comisario da exposición e membro da xunta directiva da asociación empresarial, Manuel Nieto. A exposición estará aberta ao público ata o vindeiro 22 de xuño.

A mostra é unha curiosa colección de pinturas e esculturas pertencentes a estes cinco autores. Aínda que con estilos ben diferenciados, o seu achegamento á técnica está patente e existe un punto de reunión en todas esas maneiras de facer. A exposición é a expresión sincera de cinco artistas que nos achegan aos seus traballos co prisma da sinceridade, do bo facer desas sensacións eternas que percorren a historia da arte. “Preséntannos eses pequenos retrincos de mundos interiores, eses momentos imperecedoiros que se agrandan e se amplifican coa cor, cunha sombra ben posta, cunha harmonía de sentimentos, cunha perspectiva de eterna comprensión ante o cotián, o que nos rodea e nos alegra nun instante” –destaca Manuel Nieto–.

Por unha banda, Albino Jolas presenta cinco acuarelas de moi boa execución e perfecta composición, onda fai gala dunha intuición moi afinada e unha comprensión do obxecto representado á maneira clásica. Pero non queda aí, en cada obra pon un anaco de alma que brilla e dá luz de alta intensidade.

O gran Antonio Abad, recoñecido recentemente por algunha das revistas máis influentes da arte estadounidense como unha revelación ascendente polo seu maxistral uso e coñecemento do pastel, as súas perfectas harmonías entre luces e sombras que dan forza ás súas composicións, o uso intelixente da cor que as eleva ás alturas, expón no Tambre varias das súas obras. O pinto destaca polo seu perfecto acabado, a súa exacta composición e por conseguir un resultado final de ilusión á maneira dos mellores pintores do noso tempo.

O escultor Nando Pereiro trae algunhas pezas de recente elaboración, sempre na súa liña de inventos míticos metamorfoseados e executados coa man firme dun escultor, pero tamén dun soñador e un ser sensible que, non contento co que ve, invéntase un universo paralelo que o arroupa e o agranda.

Nietto  presenta as últimas obras de imaxinación realizadas recentemente, onde novas técnicas se atreven a asomar nestes traballos.

E para pechar a lista expón Suly, artista coñecido e admirado, sempre co seu selo especial, detallista e figurativo, sensible e equilibrado, o das presenzas invisibles, sempre con marxe para o observador, sempre con ese espírito de alma nobre, respectuoso, con esa nota espiritual que loce aquí e alá e que lle dá ese berce andaluz tan fermoso que só uns poucos saben lucir e que tanto encandea.