A Universidade de Santiago reúne a oferta de estudos medievais máis ampla de toda España

Ofrece un máster e un programa de doutoramento únicos na comunidade galega e singulares no resto do país, cun grande éxito mesmo entre o alumnado estranxeiro 

Estúdase a Idade Media dende unha perspectiva interdisciplinar, atendendo ao contexto histórico e aos ámbitos artístico e literario

A Universidade de Santiago de Compostela reúne a oferta de estudos medievais máis ampla de toda España. Ofrece o Máster Universitario en Estudos Medievais Europeos (na facultade de Filoloxía) e o Programa de Doutoramento en Estudos Medievais (na facultade de Xeografía e Historia), únicos en Galicia e singulares con respecto ás escasas propostas do resto das universidades españolas; e moi ligados ademais á Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares.

O máster permite realizar prácticas externas en centros de investigación e en empresas vencelladas ao patrimonio e aos estudos lingüísticos e literarios

O máster, cunha traxectoria de case dez anos e un dos primeiros de carácter transversal do eido das humanidades, afonda no estudo do contexto histórico e nas manifestacións culturais, literarias e artísticas da Europa na Idade Media. A súa coordinadora, a profesora Esther Corral, salienta que “foi un dos primeiros másteres interdisciplinares, que atrae a alumnos de fóra da comunidade e mesmo do estranxeiro”.

Por outro lado, este máster permite que os estudantes se introduzan no campo das humanidades dixitais, dando a coñecer os recursos que as novas tecnoloxías ofrecen para o estudo da Idade Media.

O programa de doutoramento permite realizar estadías de investigación en universidades e centros en Italia, Francia, Hungría, Portugal, Suíza ou Gran Bretaña

O máster dá acceso ao programa de doutoramento, que “pretende recuperar a Idade Media para que os doutores formados no mesmo afronten experiencias investigadoras e profesionais sólidas, que contribúan á conservación, posta en valor e difusión da herdanza cultural dun período histórico esencial na formación da civilización europea” -explica o seu coordinador, o profesor Fernando López Alsina-.

O programa mantén activos convenios de colaboración con selectos centros estatais e europeos, co fin de que os alumnos poidan realizar nos mesmos estadías de investigación que complementen a súa formación e enriquezan a súa traxectoria científica. En concreto, ten acordos con universidades e centros de investigación en Italia, Francia, Hungría, Portugal, Suíza, Gran Bretaña… E recibe alumnos de diferentes universidades españolas e do resto do mundo, en particular de Francia, Italia, Rusia, Uruguai, Brasil e Alxeria.

“O principal valor deste programa de doutoramento é que aborda o estudo da Idade Media europea dende unha perspectiva interdisciplinar, xa que este período da Historia dificilmente se podería estudar doutro xeito. Céntrase no latín e as linguas e literaturas románicas (porque as fontes están escritas nestas linguas), a historia e a historia da arte” -destaca o profesor-. Engade que “para os alumnos é unha oferta moi enriquecedora, que se completa ademais cunha ampla oferta de actividades complementarias, en colaboración coa Rede de Estudos Medievais”.

Conta con diversas liñas de investigación centradas na filoloxía latina e medieval; nas tradicións literarias en linguas vernáculas; edición e transmisión de textos medievais; a civilización medieval nas súas dimensións históricas; historia da arte medieval; ademais de libros, memoria e arquivos na Idade Media.

Este é o quinto ano do programa, cun total de 58 alumnos matriculados. E, segundo o seu coordinador, un dos seus principais obxectivos é a internacionalización; é dicir, que os doutorandos poden ser estranxeiros e os alumnos galegos e do resto de España poden obter un Doutorado Internacional, en virtude da colaboración con centros e organismos doutros países.