A cantante catoirense Arantxa Pérez presenta mañá sábado o seu disco en Termas de Cuntis

“Hay tanto camino por andar” é o seu álbum debut con dez temas compostos pola artista 

A cita será ás 22:30 horas no balneario, lugar onde se gravaron escenas do videoclip do seu primeiro single, “No hay remedio” 

O balneario Termas de Cuntis acollerá mañá sábado, día 10, a presentación do primeiro disco de Arantxa Pérez, “Hay tanto camino por andar”, ás 22:30 horas. Será un acto aberto a todo o público e con entrada libre.

Este traballo discográfico, que supón o debut para Arantxa Pérez, consta de dez temas compostos pola artista que foron lanzados en xullo de 2017 baixo a produción de Jordi Cristau, profesional que traballou con artistas de renome como Manuel Carrasco ou Fito y Fitipaldis.

Este pasado mes de febreiro tivo lugar o lanzamento do videoclip do seu primeiro single, “No hay remedio”, producido pola propia Arantxa Pérez e dirixido por Coraca Producciones, e no que se contou coa colaboración especial do porteiro do R.C. Celta de Vigo, Sergio Álvarez, coñecido como “O Gato de Catoira”. O videoclip foi gravado nas instalacións do Hotel Castro do Balneario Termas de Cuntis e no Galeón Vikingo en Catoira.

Ver videoclip: https://www.youtube.com/watch?v=9R1t_E5aL7c

Entre presentacións e a promoción deste primeiro álbum, Arantxa Pérez tamén está metida actualmente na composición do seu segundo traballo discográfico, do que se comezará a súa produción nos próximos meses, e verá a luz entre finais de 2018 e principios do vindeiro ano.

Da verbena galega a artista en solitario

Arantxa Pérez Mariño (Catoira, 1986) coñecida como Arantxa Pérez, comezou na música case por casualidade tras un festival de fin de curso a principios dos 90. Tras o seu descubrimento, participou en diferentes concursos musicais de televisión, como o “Téquele Téquele” ou “Tardes con Ana” da TVG, ata os 15 anos de idade, momento no que se inicia a súa traxectoria profesional no ámbito musical dentro do contorno familiar, amenizando todo tipo de eventos. Catro anos máis tarde, xa coa maioría de idade, pasaría a formar parte de diferentes agrupacións relacionadas coa tradicional e cultural verbena galega. Durante estes primeiros anos como profesional da música, a cantante compaxinou as actuacións con seus estudos de Técnico Superior en Automatismos.

Entre versións e cancións populares, a catoirense decidiu iniciar a súa formación en guitarra de maneira autodidacta, para pouco despois comezar a compoñer. Así, a finais de 2013 presenta as súas primeiras cancións a través das redes sociais e a mediados de 2014 xa realiza os seus primeiros concertos en solitario.

A súa primeira maqueta ve a luz en 2016, e nela destacaron temas como “No habrá tiempo”, “Lo que queda de mí” ou “Solo cuentas tu”, realizados baixo a produción do músico e compositor cubano Joel Beltrán. A súa acollida e aceptación nas redes sociais e medios de comunicación impulsaron o crecemento da artista. 

Web oficial de Arantxa Pérez: https://arantxaperez.es