A Real Filharmonía de Galicia achega esta semana aos nenos O carnaval dos animais de Saint-Saëns

A actriz Paula Carballeira acompañará aos músicos na narración desta historia e contarase tamén coa participación de bailaríns do Espazo de Danza da Universidade de Santiago 

A orquestra ofrecerá dous concertos didácticos para colexios, mañá martes e o mércores

A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos didácticos dirixidos a estudantes de Primaria. O primeiro será mañá martes, día 13, ás 11:00 horas; e o segundo o mércores 14, tamén ás 11:00 horas. Ámbalas dúas citas terán lugar no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. A batuta levaraa o director asociado da orquestra, o mestre compostelán Maximino Zumalave.

Os escolares participantes nesta iniciativa terán a oportunidade de gozar con O carnaval dos animais, que o compositor Camille Saint-Saëns escribiu en 1886 como un divertimento para un día de entroido e interpretouse para un restrinxido grupo de amigos. O autor prohibiu que se tocase en público, por medo a que puidese prexudicar a súa reputación como compositor serio, aínda que unha cláusula no seu testamento permitirá que sexa representada despois da súa morte. E, malia ser pouco ambiciosa, converteuse nunha das súas obras máis populares.

Trátase dunha obra instrumental moi divertida e con toques de bo humor, na que o autor quixo que aparecesen moitos animais: leóns, elefantes, galiñas e galos, tartarugas, canguros, mulas e asnos, cisnes, peixes e paxaros. Cada animal ten asignado un instrumento musical. Os animais son así obxecto dunha serie de afectuosos retratos realizados cunha variedade de recursos e enxeñosos procedementos musicais, que converten a composición nunha peza de gran valor pedagóxico.

A narración de Paula Carballeira

A actriz, escritora e contacontos Paula Carballeira acompañará aos músicos na narración desta historia. O concerto artéllase dende o texto, que fai de fío condutor das interpretacións de cada número musical e das intervencións da narradora. Ademais, contarase coa participación de bailaríns do Espazo de Danza da Universidade de Santiago.