A agrupación musical de pulso e púa Casa de la Troya participará esta fin de semana en Coímbra nun certame de antigas tunas

A agrupación musical de pulso e púa Casa de la Troya da Asociación de Antigos Tunos Composteláns, que dirixe Fernando Reyes, participará esta fin de semana en Coímbra nun Encontro de Cuarentunas e Tunas de Veteranos, chamado Quadragésimo, que se vén celebrando desde hai sete anos. Arredor de vinte troianos exhibirán en Portugal cancións do repertorio tradicional, así como outras pezas de finais do s. XIX e principios do s. XX.

A Tuna Compostelana fixera en 1888 unha viaxe a Portugal, actuando en Coímbra, Porto e Lisboa. O director de La Casa de la Troya, Benigno Amor, sinala que fóra unha aventura memorable: “Ficou nos anais da historia académica pola extraordinaria acollida que tiveran os nosos estudantes entre o pobo portugués. O suceso foi de tal importancia que, ao pouco tempo, universitarios lusos devolveron a visita á Galicia, onde igualmente foron recibidos con gran entusiasmo”.

Amor engade que esta viaxe, xunto coa que fixo a agrupación troiana o ano pasado a Porto, é “unha forma tamén de conmemorar aqueles intercambios históricos, onde se evidenciaba a fraternidade e gozo universitarios”.

Ademais dos anfitrións, a Quarentuna de Coimbra, e a agrupación troiana, intervirán a Tuna Veterana da Universidade de Aveiro e a Tuna Veterana da Universidade Portucalense (Porto).