O CD “Viva Galicia! A música no tempo de La Casa de la Troya” preséntase este sábado nun concerto no Teatro Principal de Santiago, ás 20:00 horas

É unha iniciativa do grupo “Troyanos de Compostela”, que aglutina 26 cancións do repertorio tradicional de tuna e da época da novela homónima de Pérez Lugín

Tuna Compostelana, Lela -con texto de Castelao- e Fonseca conviven con composicións populares como Os teus ollos, Canta o galo e Unha noite na eira do trigo

No marco dos actos conmemorativos do 25º aniversario do Museo Casa de la Troya, a agrupación musical da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, “Troyanos de Compostela”, gravou o seu primeiro CD baixo o título de Viva Galicia! A música no tempo de La Casa de la Troya a finais do pasado ano. Agora preséntase nun concerto que terá lugar este sábado, 14 de xullo, no Teatro Principal de Santiago, ás 20:00 horas. O concerto é gratuíto, previa retirada de invitación na billeteira do Teatro Principal. O CD realizouse coa colaboración da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago.

Benigno Amor, presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o museo, indica que “con este CD queremos recuperar e divulgar a música de autores galegos de finais do século XIX e comezos do XX, que é precisamente o tempo da novela autobiográfica La Casa de la Troya de Alejandro Pérez Lugín, onde a música é a protagonista da historia”. Explica que o título do disco é unha homenaxe a José Gómez Veiga “Curros”, director musical da Tuna Compostelana naquel tempo e un músico de grande influencia na vida musical de Santiago. “É, ademais, unha homenaxe a Compostela e ás súas rúas polas que tanto cantamos e trouleamos” -salienta-.

O grupo de pulso e púa da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos-Casa de la Troya nace en 2013 como un proxecto directamente vencellado ao museo. O seu obxecto é investigar, promover e divulgar a música para instrumentos de corda pulsada que tocaban as tunas en Santiago a finais do século XIX e comezos do XX; lembrando ao mesmo tempo a figura de compositores galegos da época como Chané, Curros, Canuto Berea ou Marcial del Adalid. A agrupación está dirixida dende os seus inicios polo mestre Fernando Reyes Ferrón, profesor de instrumentos de corda pulsada.

O grupo fixo a súa presentación oficial no Festival do Centenario, que tivo lugar no Auditorio Abanca de Santiago en 2015, dentro do programa de actividades dos II Encontros Troianos en Compostela, que reuniu na cidade a tunas veteranas de diferentes partes do mundo. Dende entón ten realizado diversas actuacións, tanto en Santiago e no seu contorno como noutros puntos de Galicia e Portugal. Na actualidade a agrupación está integrada por 32 compoñentes, persoas afeccionadas á música que son profesionais en distintos ámbitos, pero aos que os une a súa pertenza ás tunas de Compostela durante a súa etapa académica. E cada luns reúnense para facer música en La Casa de la Troya.

As cancións do disco

O disco gravouse en decembro de 2017 no Centro Cívico do Romaño. Recolle un total de 26 cancións, cunha duración de algo máis de unha hora. O CD inclúe un libreto de preto de cen páxinas en galego, castelán e inglés; a portada ilustrada por Xosé Vizoso e fotografías do proceso de gravación, o museo, actuacións do grupo, xunto a diversas imaxes antigas.

O director musical do grupo e deste proxecto, Fernando Reyes, sinala que “o CD pode contribuír a unha mellor comprensión do libro de Pérez Lugín. Nos tempos da novela e durante varios decenios, público de Compostela, Galicia, de toda España e das máis importantes capitais de América e de Europa coñecían as músicas dos autores galegos cantadas no libro. Hoxe, por desgraza, moitas desas músicas son descoñecidas e mesmo en Galicia e en Santiago son pouco interpretadas”.

As músicas citadas no libro son moitas e non teñen cabida nun só CD. Algunhas das integradas no disco son as mesmas que as que aparecen na novela, tradicionais como Canta rula ou de autores coñecidos como Unha noite na eira do trigo (Montes, Salgado e Curros Enríquez), Negra sombra (Montes), Canta o galo (Adalid) ou Os teus ollos (Chané). Case todas as cancións do disco son interpretadas polo grupo troyano, agás dúas das pezas que canta o personaxe de Carmiña na novela, interpretadas no CD por Mercedes HernándezCanta rula e Lonxe de Terriña-, que tamén pon voz á rapaza que canta o Alalá das Mariñas, homenaxe que Lugín fai a Rosalía de Castro.

O CD inclúe outras pezas que encaixan na época da Estudantina, como as instrumentais La Alfonsina, Santiago, Manoliño ou Muiñeira de Ponte Sampaio. Outras achégannos a música tradicional como Potpourrí Ai Pepiño adiós, Que lle den bertorella ou A raíz do toxo verde. Tamén se lle rende homenaxe ao que fora director da Tuna durante gran parte dos inicios do século XX, Pepe Curros, con dúas das súas obras, Chirimías e a que dá título ao CD, Viva Galicia!.

Así mesmo, o grupo presenta versións de dúas das obras máis representativas da Tuna Compostelana, a homónima Tuna Compostelana e Fonseca. Tamén se recolle Lela, co texto de Castelao, membro da tuna nos seus tempos de estudante; e Coímbra, en lembranza das viaxes por Portugal das primeiras tunas de Santiago.

“Quixemos que estivesen presentes ademais algúns sons, melodías e berros da cidade que tan ben mostra Lugín e que completa a rica sinfonía que é a novela La Casa de la Troya. O noso CD pretende ser unha xanela aberta a ese universo musical e sonoro descrito por Lugín” -salientan os representantes da agrupación-.

Un proxecto realizado por “tunos de verdade”

Fernando Reyes manifesta que, dende a posta en marcha da agrupación, entendían que “era imposible pensar que reproduciríamos con exactitude os sons dunha tuna tal como era nos tempos de La Casa de la Troya. Aquela Estudantina era moi diferente de calquera tuna actual, pola variedade de instrumentos e posiblemente tamén pola calidade interpretativa. Pero salienta que “o grupo que interpreta este CD é probablemente unha das últimas xeracións que herdou moitas das liñas trazadas na época de esplendor: persoas que fixeron pasarrúas, serenatas, rondas, viaxes, concertos…que foron tunos de verdade”. Conta con membros de distintas xeracións, xa que o maior rematou os seus estudos en 1970 e o máis novo en 1994.