A Casa de la Troya organizará roteiros culturais teatralizados polo centro histórico de Santiago e o museo os venres ata principios de setembro

Ademais, poden realizarse visitas á antiga pensión de estudantes, acompañadas das explicacións das guías do museo

O Museo Casa de la Troya, que ten as súas portas abertas no período estival, pode visitarse todos os venres e sábados ata mediados de xullo, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas (os venres prolóngase ata as 22:00 horas), acompañados das explicacións das guías do museo. E dende mediados de xullo ata principios de setembro abrirá no seu horario habitual de verán, durante toda a semana e pechando os domingos e os luns. Tal como lembra Benigno Amor, director do museo e presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o museo, “as visitas son guiadas e teñen unha duración aproximada de entre vinte e vintecinco minutos, en grupos de quince persoas máximo”.

Por outro lado, este venres o Museo Casa de la Troya continúa coa actividade dos Venres Troyanos, que se poñía en marcha o ano pasado con grande éxito entre público de todas as idades e retomábase en maio para continuar con esta experiencia ata finais de xuño. Pero a boa acollida da iniciativa obrigou aos seus promotores a ampliala durante todo o verán, ata principios de setembro. En xullo celebrarase os días 13 e 27, en agosto todos os venres e en setembro o primeiro venres do mes.

“Trátase de roteiros culturais teatralizados por diferentes rúas e prazas do centro histórico de Compostela, seguidos dunha visita ao museo, co fin de contextualizalo no marco da cidade e do seu tempo” -explica Amor-. “Pretendemos que a experiencia resulte interesante e entretida para un público moi diverso. Destacamos o caso particular das familias, que están a ter unha gran presenza nestas ruta” -salienta-.

Estes roteiros dramatizados pola cidade histórica, realizados en colaboración co Concello de Santiago, parten dende a praza do Toural. A duración aproximada do percorrido e da visita ao museo é de unha hora e media, dende as 20:30 ata as 22:00 horas. O número máximo de participantes por cada visita é de 15 e ten un custo de 5€ por persoa. A inscrición pódese facer chamando ao museo (981 585 159).

Nesta actividade búscase combinar a información cultural e histórica co humor. O guía carácterízase como un personaxe da novela La casa de la Troya de Pérez Lugín, que ademais vencella os lugares que se visitan coa trama do libro. Trátase de Suso Martínez, historiador, guía turístico, divulgador e actor especializado na historia de Galicia. Fai a ruta caracterizado como o personaxe de Barcala, que “representa ao estudante troiano”.