A Universidade de Santiago e a Rede de Estudos Medievais renden homenaxe á profesora Ana Domínguez Ferro, falecida hai ano e medio

Esta mañá presentouse un libro na súa memoria que recolle parte das súas investigacións e estudos no ámbito da literatura medieval italiana

A Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares e a Área de Italiano do Departamento de Filoloxía Clásica, Francesa e Italiana da Universidade de Santiago rendéronlle unha homenaxe á profesora Ana Mª Domínguez Ferro, membro da rede e profesora titular de Filoloxía Italiana da USC durante tres décadas, falecida prematuramente hai ano e medio, cando só tiña 53 anos. O acto celebrouse esta mañá na Facultade de Filoloxía da USC, onde se presentou un libro na súa memoria, baixo o título “Estudios de literatura medieval italiana”.

A coordinadora desta publicación e autora do prólogo da mesma é a catedrática de Filoloxía Italiana da Universidade de Santiago Isabel González, que fora profesora da homenaxeada. Explica que no libro recóllense parte dos traballos de investigación e das publicacións que Ana Domínguez Ferro realizou ao longo da súa vida no ámbito da Filoloxía Italiana.

É unha edición, entre outros, dos seus compañeiros e amigos da Área de Filoloxía Italiana da Universidade de Santiago. Despois do correspondente prólogo, hai una biobibliografía da profesora Domínguez, realizada por profesora Carmen F. Blanco Valdés, unha tabula gratulatoria e, por último, os estudos de literatura medieval italiana, campo no que traballou durante moitos anos a profesora desaparecida.

No transcurso deste acto homenaxe interviron o vicerreitor de Profesorado da Universidade de Santiago, Ernesto González; a decana da Facultade de Filoloxía, María José López; o director do Departamento de Filoloxía Clásica, Francesa e Italiana da USC, Francis Buono Benedict; e a catedrática Isabel González, que foi a encargada de presentar o volume.

A profesora dedicou as súas investigacións á Filoloxía Italiana, que compatibilizou coa literatura de viaxes e os estudos de xénero

A profesora Ana Mª Domínguez Ferro licenciouse en 1986 e dedicou a súa vida profesional á docencia e á investigación en Filoloxía Italiana, ademais de desempeñar algún cargo académico e participar en numerosos proxectos de investigación e, nos últimos anos, no Máster e no Programa de Doutoramento en Estudos Medievais da Universidade de Santiago, á vez que era un dos membros máis activos da Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares.

A súa tese de doutoramento -que realizou baixo a dirección da profesora Isabel González-estivo centrada nas manifestacións amorosas dos poetas da escola siciliana, polo que nunca abandonou esta liña de investigación, aínda que a foi compatibilizando con outras nas que publicou contribucións relevantes, como a literatura de viaxes, os estudos de xénero, o Humanismo e o Renacemento, e mesmo a lexicografía.

A Área de Filoloxía Italiana estimou que a mellor maneira de lembrar a Ana Domínguez consistía en recompilar nun volume, editado polo Servizo de Publicacións da USC, unha selección dos artigos da súa autoría -nalgúns casos, en colaboración coa súa inseparable amiga e compañeira Carmen Blanco Valdés, na actualidade catedrática na Universidade de Córdoba- que se ocupan da literatura italiana medieval. Tal como se salientou no acto académico, “este libro busca dar testemuño da gratitude e do recoñecemento colectivo a un legado humano e académico impagable e inesquecible”.