O 13 de setembro remata o prazo para optar a catro prazas de violín, unha de trompeta e outra de óboe na Escola de Altos Estudos Musicais

O centro realizará probas este mes para cubrir estas prazas do Curso de Especialización Orquestral

Os estudantes admitidos neste curso de posgrao fan prácticas coa Real Filharmonía de Galicia

O Curso Avanzado de Especialización Orquestral impártese na Escola de Altos Estudos Musicais, en Santiago, e está recoñecido como título propio de posgrao pola Universidade de Santiago de Compostela. Diríxese a músicos instrumentistas con titulación superior que teñan como meta adquirir a formación e a experiencia necesarias para integrarse nunha orquestra profesional.

No mes de xuño realizáronse as probas de selección para acceder a algunha das 18 prazas ofertadas para o novo curso 2017-2018 nas diferentes especialidades: 6 para violín, 2 para viola, 2 para violoncello e 1 para contrabaixo, óboe, frauta, clarinete, fagot, trompa, trompeta e percusión. Quedaron vacantes catro prazas de violín, unha de trompeta e unha de óboe. Así, este mes realizaranse unhas probas extraordinarias co propósito de cubrir estas vacantes. Terán lugar o día 21 na sede da Escola e consistirán nunha audición na que os candidatos terán que amosar as súas habilidades técnico-interpretativas diante dun xurado.

As solicitudes para inscribirse nas probas deberán presentarse ata o 13 de setembro a través da páxina web da Escola –www.eaem.es-. Xunto coa documentación, os aspirantes deberán xuntar un vídeo no que se mostre a interpretación das obras requiridas.

Este curso de posgrao ofrece aos futuros músicos a oportunidade de formarse coa Real Filharmonía de Galicia, xa que os mestres da Escola son integrantes da RFG. E cada alumno participa nun mínimo de sete concertos coa orquestra. Ademais, tocan en concertos públicos dentro da programación “A Escola na cidade”.

Tal como salientan dende a Escola, o éxito de curso, que xa vai pola súa sexta edición, reflíctese no feito de que boa parte dos alumnos de anteriores edicións xa lograron o seu obxectivo de integrase nunha orquestra profesional, tanto en agrupacións nacionais como doutros países.