Laureano Troitiño volve ás instalacións balnearias de Cuntis con 13 óleos de temática rural, urbana e mariña en localizacións próximas e distantes. “Son paisaxes nun estilo realista con toques vangardistas”, segundo indica o pintor. A mostra inaugúrase mañá martes-1 e permanecerá todo o mes de agosto

A cafetería e zonas comúns do hotel La Virgen do Balneario de Cuntis expón a partir de mañá martes, 1 de agosto, unha exposición de trece óleos sobre lenzo do pintor pontevedrés Laureano Troitiño, que se poderá visitar durante todo o mes. “Son paisaxes rurais, urbanas e mariñas, nun estilo realista con toques vangardistas, nos que predomina o tamaño intermedio de 65×50 centímetros”, segundo explica o artista. A localización dos cadros pasa por lugares tan próximos como Cuntis, Pontevedra, Portonovo, Sanxenxo, A Lanzada, Cesantes, Santa Trega, Cea ou Ferrol; distantes como Burgos ou Cantabria; e tan lonxincuas como Noruega ou Canadá.

A temática más recorrente na súa obra é a natureza viva. A luz e a minuciosa técnica de Troitiño, composta por degradados, difuminados e veladuras, rebélase contra esa aseveración casi xeralizada de que A paisaxe galega é melancólica, triste e brumosa. Alonxado totalmente desta crenza popular, a súa pintura está pragada de ceos esplendorosos, cuns azuis cheos de vida e alegría, salpicados dalguna que outra nube que non rompe o encanto do lenzo. “A miña pintura caracterízase por ter como elemento singular ceos moi vivos e esplendorosos”–explica o pintor–.

Laureano Troitiño (Cotobade, Pontevedra. 1955) comezou a desenvolver a súa afección pola pintura nos tempos nos que era estudante de bacharelato. Comezou os seus estudos técnicos de debuxo e pintura coa profesora e licenciada en Belas Artes Cristina Martínez, e logo proseguiu o seu camiño formativo en solitario de maneira autodidacta. Participou recentemente en varias exposicións co obxecto de dar a coñecer a súa obra e xa algúns dos seus cadros están diseminados por Galicia, Madrid, Valencia, Bilbao e París. Pertence ao grupo Artistas Pontevedreses.