O Consorcio de Santiago realizará visitas guiadas pola exposición que conmemora os seu 25 anos de traballo no patrimonio histórico e cultural da cidade

Será os martes e xoves da primeira quincena de agosto, ás 12:00 horas no Colexio de Fonseca, sede da mostra xunto á Casa do Cabido

Baixo o título “Consorcio de Santiago, Cultura e Patrimonio. 25 anos do Consorcio na cidade”, o organismo promove unha exposición que repasa a súa traxectoria. A mostra ten dúas sedes, a Casa do Cabido (na praza das Praterías), onde se reúne o labor cultural da entidade; e o Colexio de Fonseca, que concentra as súas actuacións no patrimonio histórico. Co fin de que os cidadáns coñezan de preto o traballo do Consorcio no patrimonio histórico da cidade ao longo destes anos, programaranse unha serie de visitas guiadas á mostra de Fonseca. Terán lugar os martes e xoves da primeira quincena de agosto (días 1, 3, 8 e 10), ás 12:00 horas.

A encargada de servir de guía nestas visitas será a arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio Idoia Camiruaga. Os interesados en facer o percorrido deberán acudir directamente á sala de exposicións do Colexio de Fonseca.

Creado en 1992, o Consorcio da cidade de Santiago é o órgano executor do Real Padroado de Santiago, no que se materializa a cooperación institucional entre a Administración Xeral do Estado, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago. A súa condición de ente interadministrativo permitiu desenvolver políticas de recuperación urbana e do espazo público, actualización de infraestruturas e de equipamentos. Todo isto baixo a convicción de que “a conservación e posta en valor do patrimonio histórico de Santiago pode ser o motor da transformación contemporánea da cidade”. Ademais, impulsa importantes políticas de acción cultural e de estudo e interpretación da historia da cidade.

25 anos de actuacións no Patrimonio da cidade

No Colexio de Fonseca reúnense as principais actuacións levadas a cabo pola Oficina Técnica do Consorcio ao longo destes 25 anos, con grandes fotografías, planos e paneis explicativos. Recóllense os programas de rehabilitación de vivendas e de locais comerciais, a restauración de monumentos (entre as que destacan as intervencións na igrexa de Laraño, pinturas murais achadas na igrexa de Berdía, investigación das humidades da capela do Cristo de Conxo, retablos da capela das Ánimas, as monteas descubertas en Santa Clara, Teatro Principal, rehabilitación da Casa do Cabido ou as esculturas da fachada da facultade de Xeografía e Historia), a restauración das campás do municipio…

Relacionado co espazo público, reúnense as actuacións realizadas nas rúas e zonas verdes da cidade histórica, en particular o programa de mantemento de lousados “A pedra que pisas” e a restauración da Calzada Real de Sar. Unha gran lousa érguese nesta zona da exposición, na que se escoita o son dos canteiros traballando a pedra.

Tamén se resaltan as intervencións en equipamentos relevantes da cidade como o Palacio de Congresos, Multiusos do Sar, Finca Vista Alegre (Casa de Europa, Centro de Estudos Avanzados, Escola de Altos Estudos Musicais e Museo de Historia Natural), Museo das Peregrinacións e de Santiago (cunha maqueta), a propia sede do Consorcio, Centro Nacional de Formación de Referencia en Materia de Rehabilitación de Pontepedriña de Arriba (cunha maqueta), Fundacións Torrente Ballester e Eugenio Granell.

Outras das grandes actuacións na cidade promovidas polo Consorcio son o Xardín Botánico, Parque da Selva Negra, Praza de San Xoán no barrio de Vista Alegre, Avenida Xoán XXIII, Praza de Salgueiriños, Albergue de Peregrinos en San Lázaro, Xardín Histórico da Alameda, Parque de Bonaval, Parque de Belvís, Brañas de Sar e un tramo do periférico. 

Un debuxo de 11 metros de longo dos diferentes tramos do Camiño Francés

O Camiño de Santiago tamén ten protagonismo nesta exposición, a través do Plan Director de Ordenación e Rehabilitación do Camiño Francés redactado polo Consorcio. Ilústrase cun debuxo de 11 metros de longo dos diferentes tramos do Camiño Francés, realizado polo arquitecto do Consorcio Pablo Tomé. Ademais, incídese na “Estratexia Verde”, tamén elaborada polo organismo, centrada na recuperación da relación da cidade co seu territorio, reducindo a pegada ecolóxica a partir das zonas verdes.

Por outro lado, resáltase o valor do Sistema de Información Patrimonial, unha ferramenta informática de xestión e coñecemento da cidade histórica que se pode consultar a través de internet. E hai un espazo para dar conta das colaboracións con outras institucións, premios e proxectos europeos e tamén para explicar o labor formativo do ente.

Horarios da exposición

A exposición permanecerá no Colexio de Fonseca ata finais de agosto, en horario de luns a sábado, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas (os domingos e festivos está pechado). E na Casa do Cabido estará ata mediados de setembro, de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas; os luns a Casa do Cabido está pechada ao público.