A Casa de la Troya abre, a partir de mañá mércores, todos os días durante o verán ata o 9 de setembro, de martes a sábado

Continúan as visitas culturais teatralizadas os venres polo centro histórico de Santiago e o museo

Un guía caracterizado como un dos personaxes da novela de Pérez Lugín vencella os lugares que se visitan coa trama do libro

O Museo Casa de la Troya abre, a partir de mañá mércores, todos os días durante o verán ata o 9 de setembro. O horario do museo será de 11:00 a 14:00 horas polas mañás e de 16:00 a 20:00 horas polas tardes, agás os venres, que se prolongará ata as 22:00 horas. Os domingos e os luns está pechado ao público.

Ao longo do verán continuarase tamén coa actividade dos “Venres Troianos”, posta en marcha o pasado mes de maio con grande éxito de público, o que obrigou aos seus promotores a ampliala ás datas estivais. Son roteiros culturais teatralizados por diferentes rúas e prazas do centro histórico de Compostela, seguidos dunha visita ao propio museo.

“Con esta iniciativa buscamos dar a coñecer o museo e contextualizalo no marco da cidade e do seu tempo” -explica Benigno Amor, vicepresidente do Padroado da Casa de la Troya-. “Pretendemos que a experiencia resulte interesante e entretida para o público de todas as idades. Precisamente as familias están a ter unha gran presenza nestes roteiros” -resalta-.

Neste mes de xullo haberá un roteiro o día 28; e en agosto os venres 4, 11, 18 e 25. O percorrido, que partirá cada día da praza do Toural, comezará ás 20:30 horas, cunha duración estimada dunha hora e media, rematando cunha visita guiada ao museo, que concluirá sobre as 22:00 horas. O número máximo de participantes por cada un destes roteiros dramatizados será de 15 e terá un custo de 5 euros por persoa. A inscrición para participar nos mesmos pode facerse chamando ao teléfono do museo (981 585 159).

O guía turístico Suso Martínez, historiador, divulgador e actor especializado na historia de Galicia, que leva máis dunha década realizando visitas guiadas dramatizadas, fai estas rutas caracterizado como un dos personaxes da novela La casa de la Troya de Alejandro Pérez Lugín, o estudante Barcala. Combina a información cultural e histórica co humor e vencella os lugares que se visitan coa trama do libro. “Fai moi ameno o relato dos feitos históricos e facilita que os participantes se acheguen ao tempo no que transcorre a novela” -sinala Amor-.