A Real Filharmonía de Galicia acompañará á voz de Uxía na compostelá Praza da Quintana, no marco das festas do Apóstolo, este xoves ás 21:00 horas

As entradas, que eran gratuítas previa retirada de invitación, xa están esgotadas e o concerto repetirase o venres no Auditorio Mar de Vigo

Presentouse esta mañá coa presenza do director titular da orquestra, Paul Daniel; o alcalde de Santiago e a propia Uxía

A Real Filharmonía de Galicia participa un ano máis nas celebracións das festas do Apóstolo, conmemorativas do Día de Galicia. A compostelá Praza da Quintana acollerá este xoves, 20 de xullo, un concerto dirixido polo mestre titular da agrupación, Paul Daniel, ás 21:00 horas. As entradas, que eran gratuítas previa retirada da invitación na billeteira do Teatro Principal, xa están esgotadas. En caso de choiva, a actuación trasladarase ao Auditorio de Galicia. O concerto repetirase o venres no Auditorio Mar de Vigo, no marco da segunda edición do Festival Illas Cíes.

En ámbolos concertos os músicos acompañarán á voz da cantante Uxía Senlle, que interpretará unha selección de cancións que repasan a súa traxectoria de 35 anos enriba dos escenarios, arranxadas para orquestra pola compositora galega Zeltia Montes.

Esta mañá presentouse en rolda de prensa o concerto de Santiago, coa asistencia do alcalde e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega; e o director titular da Real Filharmonía de Galicia, Paul Daniel; ademais da propia Uxía.

O alcalde salientou que se trata dun “concerto especial, tanto é así que xa están todas as prazas esgotadas. Explotamos unha liña impulsada dende hai tempo pola Real Filharmonía de Galicia, centrada na mestizaxe da orquestra con músicos e artistas contrastados. Nesta liña, esta colaboración con Uxía vai ser unha maridaxe musical moi potente. A cantante galega por excelencia cunha orquestra do nivel da RFG e ademais dirixida por Paul Daniel, sen dúbida un dos pratos fortes das festas”.

Paul Daniel: “Espero que sexa unha festa marabillosa”

 

Pola súa parte, Paul Daniel indicou que “na RFG estamos sempre a buscar novas experiencias e con Uxía será unha grande experiencia. Eu son un grande admirador seu, fai soar as cancións cada vez como se fosen novas. Non vai ser o típico concerto de música clásica. Este ano eu quería facer algo diferente e Uxía aportará un bonito contraste. Será ademais un concerto onde Europa entre en Santiago. Nestas datas a cidade está chea de xente de todo o mundo e a través deste concerto trataremos de reflectir ese xeito diferente de mirar”.

Ademais das cancións de Uxía, a orquestra achegará ao público outras tres obras. Trátase da Marcha española de Johann Strauss, varios fragmentos de Le Cid Suite de Jules Massenet e Libertango do compositor arxentino Astor Piazzolla. Tal como explicou Paul Daniel, son tres xeitos de mirar e interpretar o noso país e a nosa cultura da man dun compositor austriaco, un francés e un arxentino. “Espero que sexa unha festa marabillosa” -manifestou o director-.

As cancións máis populares de Uxía

“Esta é a miña primeira experiencia sinfónica. Tiña moitísimas ganas pero hai que agardar o momento axeitado. E o axeitado é acercar a orquestra aos lugares e á xente” -sinalou Uxía-. Achegará un repertorio moi popular, as súas cancións máis emblemáticas e representativas. “Busquei que encaixaran ademais na Quintana e que xente de todo o mundo coñeza a nosa identidade, a nosa esencia”. Así, o público terá a oportunidade de escoitar temas como Túa nai é meiga, Unha noite na eira do trigo, Ramo verde, Verdes sao os campos, Alalá das Mariñas ou Bos amores, entre outros.

As cancións foron adaptadas para orquestra pola compositora galega Zeltia Montes, que reside en Los Ángeles. “O resultado é magnífico, xuntar a visión da música culta coa música popular. É moi emocionante”. A Real Filharmonía de Galicia é un referente e vai ser unha noite bonita para celebrar a nosa música e as Festas do Apóstolo” -manifestou-.

Uxía é considerada a gran dama da música galega e unha das maiores divulgadoras da súa poesía. Nas súas máis de tres décadas de carreira artística, renovou a música tradicional galega, conectándoa coas culturas atlánticas, mesturando alalás (a forma de música tradicional galega máis antiga e característica) con morna, fado e ritmos brasileiros. O seu traballo representa un punto de encontro de diferentes culturas, creando un repertorio a través das súas continuas viaxes e intercambios con músicos de Brasil, Portugal, Cabo Verde ou Guinea-Bisáu como João Afonso, Dulce Pontes, António Zambujo, Rui Veloso ou Tito Paris. Ao longo destes anos publicou un total de doce discos, polos que recibiu importantes recoñecementos.