Ames, Verín, A Pobra do Caramiñal e Mondoñedo convértense este verán en campos de xogos para que nenos e adolescentes adquiran un maior coñecemento da vila na que habitan

A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos acolleu hoxe a presentación de “A vila do mañá, Rianxo”, libro que recompila os obradoiros do programa “La ciudad del mañana” celebrados en decembro de 2016 na vila rianxeira

Sandra González, autora da publicación e responsable do proxecto: “Consideramos que o espazo público é unha superficie común de aprendizaxe e construción colectiva” 

A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia acolleu hoxe a presentación do libro “A vila do mañá, Rianxo” das arquitectas Sandra González Álvarez e Emma López Bahut, a primeira publicación do proxecto “La ciudad del mañana”. O libro foi editado conxuntamente por PØSTarquitectos e a Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal). O acto foi presentado polo presidente da Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego, Carlos Henrique Fernández Coto, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños Sánchez, e as arquitectas autoras do libro, Sandra González Álvarez e Emma López Bahut.

O proxecto “La ciudad del mañana”, creado por Sandra González e PØSTarquitectos, é un programa gratuíto de obradoiros que se van desenvolver este ano en diversas vilas e cidades galegas e en distintos puntos da xeografía española. Como os obradoiros deben coincidir cos períodos vacacionais, ata o momento o único que se desenvolveu por completo foi o de Rianxo (26-29 de decembro de 2016). Estas experiencias serán recollidas en sendos libros ou volumes, como xa sucedeu coas actividades de Rianxo, que conformarán unha gran colección.

Este verán xa están confirmados obradoiros en Bertamiráns do 3 ao 7 de xullo e en Milladoiro no Concello de Ames do 7 ao 11 de agosto; en Verín do 10 ao 14 de xullo e do 28 de agosto ao 1 de setembro; en A Pobra do Caramiñal do 31 de xullo ao 4 de agosto; en Mondoñedo do 21 ao 25 de agosto; e en Zaragoza do 4 ao 8 de setembro. Participarán nas actividades, de forma gratuíta, aproximadamente un centenar de nenos e nenas de ata 12 anos de idade.

O obxecto do programa é incluír á infancia e adolescencia nos procesos de construción do espazo común, dotándolles das ferramentas necesarias para desenvolver a súa creatividade desde a arte e a arquitectura, co fin de provocar o espertar dunha nova mirada dos espazos nos que habitan. Sandra González sinalou que se busca estimular unha actitude crítica para que comecen o seu desenvolvemento como unha cidadanía activa, pois eles serán os responsables da cidade do futuro.

“Partimos da cidade como ferramenta educadora, non neutra, e sobre a que a cidadanía ten dereito ao seu goce, a súa transformación e a que reflicta a súa maneira de entender a vida en comunidade. Consideramos que o espazo público é unha superficie común de aprendizaxe e construción colectiva dos que normalmente non teñen voz, os nenos e os adolescentes, impulsando o seu dereito a formarse un xuízo propio achega do hábitat no que viven e a poder expresalo” –manifestou–.

Divididos en dous grupos por idades, os rapaces participarán en actividades IN realizando talleres en espazos interiores e actividades OUT onde se invaden as rúas e prazas das vilas. Durante os talleres, destinados a que os máis pequenos adquiran un maior coñecemento da cidade ou vila na que habitan, empregaranse ferramentas de diferentes disciplinas para que os rapaces manexen coñecementos de arquitectura –escala e proporción–, arte –luz, textura e color–, paisaxe, cidade e sostenibilidade.

Os titores dos obradoiros, todos arquitectos e estudantes de arquitectura da ETSAC dirixidos por Sandra González, intentarán transmitir a nenos e nenas a idea de apreciar o que é seu, a súa vila ou cidade.