Preséntase en Vigo a décimo sétima edición dos premios Gran de Area de arquitectura onde se destaca a “calidade das obras do sur de Galicia”

Os arquitectos de Vigo, Ourense e Pontevedra teñen de prazo ata o vindeiro 15 de setembro para entregar a documentación 

Os gañadores coñeceranse en outubro, mesmo mes no que se celebrará o acto de entrega de diplomas en Ourense

As Delegacións de Vigo, Ourense e Pontevedra do Colexio de Arquitectos de Galicia organizan conxuntamente a décimo sétima edición dos “Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2017”. O acto de presentación das bases desta nova convocatoria do certame, que se celebrou hoxe na Delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia, estivo dirixido polo presidente da entidade colexial de Vigo,  Antonio Davila, e os titulares dos colexios de Ourense, Alberto de Paula, e Pontevedra, Manuel Abelleira.

Estes galardóns supoñen un recoñecemento ao labor “conxunto e tan necesario” de todos os axentes que interveñen no proceso de xestación e construción dunha obra de arquitectura de calidade –arquitectos, promotores, construtores e aparelladores–. O obxecto do certame é destacar o valor da obra arquitectónica, unha “pequena pero importante aportación á arquitectura, á creación e á posta en valor do contorno”.

Antonio Davila manifestou que as tres delegacións aspiran a ter unha alta participación, nun certamen xa de longa traxectoria no que sempre se presentan obras dunha elevada calidade arquitectónica a pesar da difícil situación que continúa a atravesar o sector. “Son premios que destacan a obra arquitectónica do sur de Galicia” –explicou–.

Nesta edición, a Delegación de Ourense é a responsable da organización da convocatoria. O criterio de selección será establecido polo xurado, que poderá valorar a totalidade do proxecto ou, unicamente, un determinado aspecto da obra que aporte un carácter singular ou de valor: tipoloxía, innovación tecnolóxica, baixo custo ou implantación no territorio, entre outros aspectos.

O xurado estará composto polos presidentes das tres delegacións, un colexiado de cada delegación a seleccionar pola súa Xunta Directiva, un colexiado seleccionado entre os premiados nos Premios “Gran de Area” da edición anterior –consensuado polas delegacións–, e o secretario da delegación de Ourense que actuará con voz pero sen voto. 

Os gañadores ofrecerán un ciclo de conferencias durante os meses de outubro e novembro

Poderán optar aos premios todos os arquitectos colexiados, con proxectos redactados ou obras finalizadas na provincia de Pontevedra e Ourense, ata o último día de presentación válida desta edición, e que non foran presentadas en edicións anteriores do certame.

Cada arquitecto poderá presentar tantas obras como estime oportunas, cos datos relativos a promotores, construtores e aparelladores que o arquitecto considere tamén merecedores de recoñecemento. O prazo de inscrición e presentación da documentación dos proxectos rematará o 15 de setembro ás 14:00 horas.

Os premios fallaranse no mes de outubre, e tamén neste mes celebrarase un acto de entrega de diplomas en Ourense para os arquitectos, promotores, construtores e aparelladores das obras distinguidas. Este acto complementarase coa organización dun ciclo de conferencias impartidas polos premiados, durante os meses de outubro e novembro na cidade ourensá.