A Casa de la Troya organiza mañá venres unha nova visita cultural teatralizada polo centro histórico de Santiago e o museo

Un guía caracterizado como un dos personaxes da novela de Pérez Lugín vencellará os lugares que se visiten coa trama do libro

O Museo Casa de la Troya iniciou a mediados de maio unha nova actividade. Trátase dos “Venres Troianos”, roteiros culturais teatralizados por diferentes rúas e prazas do centro histórico de Compostela, seguidos dunha visita ao museo.

“Con esta iniciativa, que realizamos coa colaboración do Concello de Santiago, buscamos dar a coñecer o museo e contextualizalo no marco da cidade e do seu tempo” -explica Benigno Amor, vicepresidente do Padroado da Casa de la Troya-.

O número máximo de participantes por cada visita é de 15 e ten un custo de 1 euro por persoa. Para o percorrido de mañá venres aínda quedan prazas e a inscrición pode facerse chamando ao museo (981 585 159). Para a derradeira visita deste mes, que terá lugar o venres 30 de xuño, xa están cubertas todas as prazas. Cada roteiro parte dende a praza do Toural e a duración aproximada do percorrido e da visita ao museo é de unha hora e media, dende as 20:30 ata as 22:00 horas.

O éxito que están a ter estes roteiros dramatizados pola cidade histórica levou aos seus promotores a amplialos tamén aos meses de xullo, agosto e setembro. “A maioría dos participantes son composteláns que queren saber máis da súa cidade. E sorpréndenos a gran cantidade de nenos que asisten, está a ser unha experiencia moi familiar” -indica Amor-.

Nesta actividade búscase combinar a información cultural e histórica co humor. O guía caracterízase como un personaxe da novela La casa de la Troya de Alejandro Pérez Lugín e vencella os lugares que se visitan coa trama do libro. Trátase de Suso Martínez, historiador, guía turístico, divulgador e actor especializado na historia de Galicia, que leva máis dunha década realizando visitas guiadas dramatizadas. Fai estas rutas caracterizado como o personaxe do estudante Barcala.

“O guía, caracterizado como un dos estudantes da vella pensión do século XIX, fai moi ameno o relato dos feitos históricos e facilita que os participantes se acheguen ao tempo no que transcorre a novela. Buscamos que a experiencia resulte interesante e entretida para o público de todas as idades” -sinala Amor-.