O “bo ambiente” reinou entre xogadores e afeccionados no torneo “Termas de Cuntis” de fútbol 8 celebrado esta pasada fin de semana

Na categoría biberón gañou o Cordeiro CF de Valga, na prebenxamín o Arosa SC de Vilagarcía de Arousa, en benxamín o ATL Cuntis e en alevín o Cuntis B 

Patrocinado polo balneario da vila e organizado polo club Atlético Cuntis, reuniu a uns dous mil espectadores nas gradas do campo de A Ran 

A IV edición do torneo “Termas de Cuntis” de fútbol 8, que se celebrou esta fin de semana no campo municipal de A Ran, foi todo un éxito de asistencia, xa que acudiron preto dous mil espectadores entre o sábado e o domingo. O evento deportivo de fútbol base, organizado polo Atlético Cuntis, club que preside Fran Fontenla, máis coñecido como Choco,  estivo patrocinado polo Concello de Cuntis e o balneario Termas de Cuntis e contou coa colaboración da Deputación de Pontevedra, Federación Galega de Fútbol, Protección Civil de Cuntis, a fábrica de queixos Celga, a empresa Galmac, Talleres Elmacar, Café Arume, Larsa e establecementos de hostalería da comarca.

Este ano participaron 32 equipos galegos de Santiago, Rois, Ames, Noia, Valga, Pontecesures, A Estrada, Lalín, Silleda, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Meis, Ribadumia, Portonovo, Cuntis, integrados por 480 xogadores que competiron nas categorías biberón, que inclúe a meniños de menos de seis anos, prebenxamín (6 e 7 anos), benxamín (8 e 9) e alevín (10 e 11).

Os gañadores da competición foron na categoría biberón o Cordeiro CF de Valga, na prebenxamín o Arosa SC de Vilagarcía de Arousa, en benxamín o ATL Cuntis e na categoría alevín o Cuntis B. Todos os participantes recibiron de premio unha mochila “Termas de Cuntis” con froita e iogurt, e o primeiro, segundo e terceiro clasificados por categoría unha medalla, mestres que os equipos gañadores foron obsequiados co correspondente trofeo, entregado polo presidente da Federación Galega de Fútbol (FGF), Rafael Louzán, así como unha entrada para o acquaform do balneario para todo o conxunto.

Ademais, a organización sorteou catro pases para o balneario, un agasallo que tamén tiveron entrenadores e xogadores de varios equipos, e mesmo o público, que recibirou unha tarxeta branca do árbitro ou a mesa pola súa boa conducta. Choco destacou o “bo ambiente que se viveu toda a fin de semana” entre a organización, os xogadores, e os pais e familiares dos rapaces, e incidiu no alto nivel que tiveron os participantes e o xogo limpo que imperou no campo durante os diferentes encontros.

Nesta edición, a organización decidiu facer un acto de recibimento para os equipos, ademais do corredor de honra aos conxuntos finalistas. Habilitouse unha zona de xogos con inchables para o público infantil, que tamén puido gozar cunha festa da escuma ao final de cada xornada, e outra área de xogos populares para adultos. Para dar a coñecer os avances do torneo, a organización actualizou durante toda a fin de semana o seu Facebook para poder seguir o torneo desde calquera sitio.