A Real Academia Galega de Belas Artes abre o prazo de propostas para a dedicación do “Día das Artes Galegas 2018” a unha figura senlleira da cultura

Organismos, institucións ou asociacións culturais poderán enviar as súas candidaturas, debidamente razoadas, ata o 30 de abril

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), no seu plenario celebrado o pasado 1 de abril en Viveiro durante a celebración do “Día das Artes Galegas 2017” dedicado á pintora Maruja Mallo, abre o prazo de propostas para a dedicación da efeméride en 2018 a unha figura senlleira das artes de Galicia.A centenaria institución, seguindo o regulamento para a elección de candidaturas, abre un prazo que se estenderá ata o 30 de abril, período durante o cal se poderán recibir propostas, debidamente razoadas e dirixidas á Real Academia Galega de Belas Artes (praza do Pintor Álvarez de Sotomayor, 1. A Coruña) por organismos, institucións ou asociacións culturais.

A selección do homenaxeado/a, que corresponde finalmente á Real Academia Galega de Belas Artes, recaerá sobre unha figura que se entenda transcendental na historia das artes galegas e da que terán transcorrido máis de dez anos desde o seu pasamento. Unha comisión, composta por membros de cada sección das artes, será a encargada de valorar durante o mes de maio todas as candidaturas recibidas, seleccionando un máximo de tres propostas. Finalmente, no mes de xuño o pleno da institución elixirá entre os finalistas o nome do homenaxeado/a. A primeira dedicación do “Día das Artes Galegas” foi no 2015 ao Mestre Mateo e a do 2016 dedicado a Castelao.