Álvaro Siza atribúe a súa liberación da condición de “especialista en participación social” ao proxecto do museo do CGAC en Santiago de Compostela

Xosé Manuel Casabella, académico: 

“Comprometido culturalmente con seu tempo, home sobrio, humilde e xenial, é para moitos de nós un dos máis interesantes creadores no panorama actual da arquitectura moderna” 

O arquitecto portugués ingresou hoxe na Real Academia Galega de Belas Artes como académico de honra 

O arquitecto portugués Álvaro Siza pronunciou hoxe o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) como académico de honra. O acto celebrouse no Museo de Belas Artes da Coruña (rúa Zalaeta s/n). O Pritzker de arquitectura Álvaro Siza (Matosinhos, Portugal. 1933) fixo unha intervención baseada no seu proxecto para o pavillón do Instituto Berggruen de Os Ánxeles (EEUU), “Inicio dun proxecto, os instrumentos de traballo dun arquitecto”, empregando debuxos do seu proceso creativo e maquetas da obra.

Álvaro Siza agradeceu a Galicia e á Real Academia Galega de Belas Artes a honrosa e xenerosa distinción concedida. Lembrou os seus inicios na arquitectura, cando se adicaba a proxectar pequenas vivendas na periferia das vilas portuguesas, ata que no ano 1974 da Revolución dos Caraveis, tivo a oportunidade de proxectar vivendas sociais coa axuda da participación veciñal no centro de Oporto, no marco do programa de Sociedades de Apoio Descentralizado Local – SAAL (en portugués, Sociedades de Apoio Ambulatório Local). “Estas intervencións, aínda que con pouco éxito, lograron espertar a atención polo meu traballo e o doutros arquitectos da época fóra de Portugal” –relatou–. O seu primeiro contacto no exterior foi nos anos 60 en España, onde participou nos “Pequenos Congressos” en Barcelona, cidade na que coñeceu a arquitectos de todas as rexións de España, Galicia incluída. De seguido, nos 80 traballou en cidades como Berlín, A Haia ou Palermo, sempre en proxectos de vivenda social participada, unha tipoloxía de vivenda que continúa a interesarlle pero que naquel momento limitou a súa aprendizaxe.

En Galicia realizou dúas obras importantes na súa traxectoria. Da man do alcalde de Santiago de Compostela nos anos 90, Xerardo Estévez, que liderou un proxecto para alcanzar unha profunda transformación urbana da cidade, Álvaro Siza proxectou o Museo Galego de Arte Contemporánea (CGAC), situado na rúa Valle Inclán 2 ao carón do parque de San Domingos de Bonaval, tamén proxectado por Siza xunto á arquitecta galega Isabel Aguirre. “En Santiago de Compostela recibín a primeira invitación para un programa diferente. O desenvolvemento do proxecto do museo liberoume dunha suposta condición de especialista en participación social” –sentenciou Siza–.

Anos máis tarde volveu a traballar en Compostela deseñando o edificio da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago (USC). “É a miña convicción que ao arquitecto compételle hoxe promover o diálogo e a coordinación entre os saberes indispensables ao desenvolvemento de calquera proxecto” –indicou–.

De escultor a arquitecto pola inspiración de Gaudí

O académico da sección de arquitectura, Xosé Manuel Casabella López, deu a contestacion, en nome da institución, lendo un discurso titulado “Álvaro Siza Vieira. Transformando a realidade”. Casabella ofreceu datos biográficos de Siza, comezando na súa infancia cando soñaba con ser escultor ou mesmo cantante de ópera. Tamén destacou que a primeira inclinación de Siza pola arquitectura prodúcese nunha viaxe con seus pais a Barcelona nos anos 40, “ao visitar as obras de Gaudí, porque os seus edificios parecíanlle esculturas”.

Licenciouse finalmente en arquitectura en 1956, e a súa primeira experiencia profesional prodúcese colaborando no estudio do seu profesor, o arquitecto Fernando Távora, entre 1955 e 1958, con quen establece unha firme e duradeira amizade. Foi profesor da Escola Superior de Belas Artes de Oporto entre 1966 e 1969, cargo que abandona en solidaridade con outros compañeiros expedientados por motivos políticos. Foi tamén profesor adxunto de Construción na Facultade de Arquitectura de Oporto desde 1976, unha vez reestablecida a democracia en Portugal.

Casabella describiu tamén as influencias doutros arquitectos na obra de Siza, de Miguel Ángel, Andrea Palladio, Karl Friedrich Schinkel, Guiseppe Terragni ou Le Corbusier, aínda que tamén se poden atopar referencias á arquitectura de Frank Lloyd Wright, Adolf Loos, Heinrich Tessenow, Pierre Chareau, entre outros. Ademais, destacou que Siza é un grande admirador das obras do arquitecto alemán Bruno Taut, e en particular das viviendas sociales (Siedlungen) de Berlín, e doutros profesionais xermanos que realizaron obras froito do labor da socialdemocracia europea na planificación urbana e a construción de aloxamentos entre 1918 e 1934. E como anécdota, Casabella sinalou que mesmo algún crítico destapou influencias niponas nunha das primeiras obras de Siza, o restaurante Boa Nova, motivadas pola chegada de revistas xaponesas baratas nos anos 50.

“Álvaro Siza, arquitecto comprometido culturalmente con seu tempo, home sobrio, humilde e xenial, é para moitos de nós un dos máis interesantes creadores no panorama actual da arquitectura moderna. A vixencia das súas solucións, o coidado dos detalles das súas obras que, aínda que pareza paradóxico, están feitos para non ser vistos, e a súa xenialidade á hora de idear volumes sinxelos e singulares, é algo que foi ampliamente recoñecido pola crítica arquitectónica” –apuntou Casabella–. 

Ademais, Casabella sinalou que Álvaro Siza é un arquitecto capaz de combinar expresividade e conciencia social, e tras máis de 60 anos de profesión considera que a arquitectura non debe ser arrogante nin ignorar onde se está traballando. “Os seus edificios queren ser tranquilos, e non só xerar lugares de reposo, senón ofrecer abrigo e ser un lugar de convivencia” –matizou Casabella–. 

Os debuxos de Siza, una ferramenta de estudo e investigación arquitectónica

Sobre os seus debuxos feitos a man, Casabella lembrou que Siza confesou, en máis dunha ocasión, que representan una ferramenta de estudo e que teñen un valor especial, ligado a unha especie de pracer no inmediatamente relacionado coa investigación arquitectónica. “Mostran aspectos aparentemente marxinais fronte á presentación do proxecto, aínda que son inevitablemente esenciais para a súa elaboración. Sendo un gran debuxante, para Siza o debuxo non constitúe unha linguaxe autónoma, senón que o considera como unha forma de contacto físico coa folla en branco, para exercitar a memoria e polo simple pracer de facelo” –sinalou–.

Trala presentación realizada por Siza do seu proxecto para a biblioteca na cidade estadounidense de Os Ánxeles, Casabella asegurou que na arquitectura do xenio portugués o espazo arquitectónico non é abstracto, homoxéneo, da funcionalidade e o racionalismo, senón que se basea nunha nova atención á organización e á conformación dos “espazos internos ambientais e vivenciais”, así como ás relacións interior/exterior e aos contextos envolventes. Finalmente, o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, deu a benvida oficial á Álvaro Siza como novo académico de honra da institución. 

Palabras do xurado do Premio Pritzker de Arquitectura concedido a Álvaro Siza no ano 1992: 

“La arquitectura de Álvaro Siza es una alegría para los sentidos y que eleva el espíritu. Cada línea y cada curva de sus obras son colocadas con habilidad y seguridad, lo que, sin duda ha contribuido al enriquecimiento del vocabulario arquitectónico durante las últimas cuatro décadas”

Recentemente, Siza foi nominado a outro dos grandes galardóns da arquitectura internacional, o Premio Mies van der Rohe, por unha das súas últimas e extraordinarias obras, o Museo de Artes da Fundación Nadir Afonso, construído na ribeira do río Támega, na cidade portuguesa de Chaves.