Expertos médicos aseguran que os tratamentos termais melloran a saúde dos nenos con patoloxías respiratorias

Tamén se mellora a calidade de vida dos menores afectados por dermatite atópica ou psoríase, evitando o abuso de corticoides

No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, o balneario de Caldelas de Tui acolle esta fin de semana unhas xornadas sobre a importancia da balneoterapia para tratar patoloxías respiratorias e dermatolóxicas en nenos e adolescentes. Un grupo de futuros médicos coñecerán o valor terapéutico das augas mineiromedicinais en relación a estas doenzas. As xornadas comezan mañá venres pola tarde e prolongaranse durante a mañá do sábado.

O doutor Elías Festa Cayuela, director médico do balneario de Caldelas de Tui, explica que as patoloxías de tipo respiratorio máis habituais que adoitan tratarse nos balnearios no caso dos nenos son a rinite alérxica, a asma infantil e a bronquiolite. “Despois do primeiro tratamento termal apréciase unha gran melloría nos pequenos, co que se consegue reducir a súa asistencia continuada aos servizos de urxencias médicas, ao tempo que se facilita o seu proceso de maduración” -asegura-. Segundo os datos aportados polo doutor Festa, aproximadamente o 40% dos pacientes que recibe o balneario de Caldelas de Tui son nenos.

Os expertos médicos indican que, para que os tratamentos termais sexan eficaces de cara a combater este tipo de patoloxías respiratorias, cómpre unha sesión diaria durante 9 días. En cada unha destas sesións aplícanse varios tratamentos en función da doenza e das características do paciente. O tipo de augas que se empregan para abordar as enfermidades do aparato respiratorio son as sulfuradas e as clorudadas, que se aplican a través dunha serie de técnicas, en particular inhalacións, aerosois e duchas nasais.

En relación aos problemas na pel, lógrase mellorar a calidade de vida dos menores afectados por dermatite atópica ou psoríase. Evítase así o abuso do tratamento farmacolóxico con corticoides, un medicamento con fortes efectos secundarios pouco recomendables na etapa de crecemento infantil.

As xornadas comezan mañá venres cun percorrido polas instalacións do balneario a partir das 17:30 horas. De seguido o doutor Elías Festa abordará a historia do balneario de Caldelas de Tui e afondará nas bases científicas do termalismo. Logo a pediatra María José Domínguez Otero explicará as aplicacións do termalismo na idade pediátrica e a xornada rematará cun coloquio. O sábado pola mañá os futuros médicos coñecerán a importancia da historia clínica termal e en que casos debe prescribirse o tratamento con augas mineromedicinais para abordar certas doenzas. Logo participarán nun taller termal, onde terán a oportunidade de coñecer as técnicas que se aplican no balneario.