O Colexio de Arquitectos de Galicia convoca a décimo séptima edición dos Premios COAG de Arquitectura

Distinguiranse obras en once categorías diferentes, finalizadas entre xullo de 2014 e xullo de 2016

Os arquitectos poderán presentar as súas propostas ata o 28 de decembro

O Colexio de Arquitectos de Galicia convoca a décimo séptima edición dos Premios COAG de Arquitectura, galardóns que distinguen as obras e traballos arquitectónicos máis relevantes realizados no ámbito territorial do colexio profesional.As obras que se presenten a esta edición deben estar finalizadas entre o 31 de xullo do 2014 e o 31 de xullo do 2016. Premiaranse as categorías de vivenda, rehabilitación, equipamentos, deseño urbano e espazos abertos, obras de reforma e interiorismo, arquitecturas efémeras, baixo custo, arquitectura novel, divulgación e investigación e proxecto Fin de Carreira. Ademais das obras escollidas, o COAG premia nunha categoría especial a traxectoria profesional dun dos seus colexiados.

Na categoría de baixo custo valoraranse obras que se realizan na práctica da construción e promoción cotiá cos recursos limitados, as veces de mínimos (vivenda mínima, autoconstrución, promoción privada de pequena entidade, VPO, etc.). No caso da novel, considéranse propostas as obras de arquitectos que, no momento de ser terminadas, non cumpriran cinco anos desde a súa titulación (2010-2014), un requisito extensible a todos os autores do proxecto. O premio especial a toda a traxectoria profesional será outorgado a proposta da Xunta de Goberno do Colexio de Arquitectos de Galicia.

As propostas deberán ser achegadas vía web a través do enlace: http://www.coag.es/premioscoag/candidaturas/listado.aspx. Os premios carecen de dotación económica, e os galardoados recibirán reproducións do diploma ou trofeo creado para a ocasión. O prazo de presentación das propostas finalizará  28 de decembro.

O xurado estará composto polo decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Antonio Maroño, que actuará como presidente; de vogais, dous arquitectos de recoñecido prestixio designados pola Xunta de Goberno do Colexio; o director da ETSA da Coruña, Fernando Agrasar; o responsable da comisión de concursos, formación, cultura e comunicación do Colexio; e o secretario da Xunta de Goberno do Colexio. Dictaminarán separadamente cada unha das categorías, podendo deixar desertas as que se coiden axeitadas ou outorgando un premio a cada modalidade, así como aos accésit e mencións que, en función da calidade das propostas, resulten pertinentes. Como en edicións anteriores, unha vez finalizado o prazo de presentación todas as propostas presentadas faranse públicas na plataforma web, así como o fallo do xurado no seu momento.960_thumbnail_img_03