Cáritas Interparroquial celebrará o xoves-24 o Día das Persoas Sen Fogar cunha concentración no Obradoiro na que lerá un manifesto Xosé Ramón Gayoso. Xornadas de portas abertas, exposición de fotos e a proxección da película “Invisibles” complementan unha semana de actividades para facer visible esta realidade

Cáritas Interparroquial de Santiago promove varios actos nas vindeiras datas con motivo da celebración do Día das Persoas Sen Fogar o xoves, 24 de novembro, baixo o lema “Faime visible. Por dignidade. Ninguén sen fogar. Ese día ás 12 da mañá na praza do Obradoiro haberá unha concentración na que o presentador do programa “Luar” da TVG, Xosé Ramón Gayoso, lerá un manifesto. Esa mesma tarde, ás 16 horas, proxectarase na sede da Interparroquial (rúa Hospitaliño, 2) a premiada película estadounidense Invisibles (2014), dirixida por Oren Moverman e protagonizada por Richard Gere. O catedrático de Historia do Cine da Universidade de Santiago, Luis Hueso, presentará a cinta e dirixirá unha charla-coloquio posterior.

Os usuarios do centro de día Vieiro serán protagonistas da concentración matinal, asistirán ao vídeofórum vespertino e son os autores dunha exposición de fotos do seu día a día, cuxo traballo de campo se fixo con cámaras de usar e tirar, que se amosará a semana próxima no claustro da hospedería de San Martiño Pinario, ata o venres día 2, noite en que o Seminario Maior celebra unha cea solidaria.

Celebraranse unhas xornadas de portas abertas esta fin de semana no centro Vieiro, ubicado na rúa Costa Vella,12, en horario ininterrompido de 8 a 19 horas tanto o sábado como o domingo. “Abrimos as nosas portas para acoller aos participantes e á comunidade que queira coñecer o noso labor”, segundo indica o programa. Por este centro pasan máis dun cento de persoas diariamente, onde se lles ofrece orientación psicosocial e laboral, formación, seguimento da saúde e apoio na busca de vivenda, entre outras prestacións.

Responsables e técnicos de Cáritas Interparroquial de Santiago, entidade que dirixe José Antonio Beiroa, informaron destas actividades esta mañá en rolda de prensa, facendo fincapé na necesidade de que se vexa e se atenda ás persoas sen fogar.

foto-rolda