O recoñecido violinista londiniense Anthony Marwood formará neste instrumento a xoves músicos galegos

anthony_marwood2Tocará ademais coa Real Filharmonía de Galicia en Santiago e Vigo

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de participar ao longo do ano nunha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. A vindeira semana contarase coa presenza do afamado violinista londiniense Anthony Marwood. Ademais dos alumnos da Escola, músicos externos ao centro poderán asistir a estas sesións como oíntes.

As clases celebraranse o luns 28 de novembro, pola mañá de 11:00 a 14:00 horas e pola tarde de 16:00 a 19:00 horas. Os que desexen participar nestas sesións poderán matricularse a través da páxina web da Escola –www.eaem.es-. Os aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música. A selección farase por rigorosa orde de presentación de solicitudes.

Un gran divulgador da música contemporánea 

Anthony Marwood tocará ademais a vindeira semana coa Real Filharmonía de Galicia en dous concertos. O primeiro terá lugar o mércores 30 no Teatro Afundación de Vigo e o seguinte será o xoves 1 de decembro no compostelán Auditorio de Galicia.

O músico británico é recoñecido internacionalmente como un artista cunha forza expresiva excepcional, unha técnica espontánea e un ton fermoso. A súa natureza enerxética e colaborativa fai que orquestras de todo o mundo demanden a súa presenza como solista e tamén como director. É principal socio artístico da afamada orquestra de cámara canadense Les Violons du Roy. Nesta temporada é director artístico convidado da Orquestra de Cámara de Noruega. O seu prestixio como solista teno levado a traballar cos mellores directores e con orquestras de toda Europa (Reino Unido, Islandia, Austria, Alemaña, Noruega…), Estados Unidos, Nova Zelandia, Australia…

É un recoñecido defensor e dilvugador da música contemporánea, estreando e gravando con asiduidade novas obras para violín. Recoñecidos compositores contemporáneos escriben a miúdo obras para el, con grande éxito de crítica. Conta ademais cunha discografía moi ampla.