A Academia Galega de Belas Artes ofrece unha conferencia sobre a arquitectura de re-acción trala crise económica, caracterizada por ser “inmaterial, efímera e activista”

A charla, que se celebrará mañá ás 20:00 horas, estará impartida pola arquitecta Luz Paz

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) prosegue mañá martes, día 15, co ciclo Martes das Artes, destinado a sensibilizar e achegar á sociedade o estado actual do patrimonio cultural de Galicia. A doutora en Arquitectura e profesora do departamento de Composición da ETSA da Universidade da Coruña (UDC), Luz Paz Agras, impartirá unha conferencia titulada “Arquitectura de re-acción. Unha lectura de proxectos á marxe”. Será ás 20:00 horas no salón de actos da Academia.A raíz da actual crise económica, a arquitectura viuse sometida a unha dura proba de supervivencia que chegou a poñer en tela de xuízo o seu papel na sociedade. Nos últimos anos, foi identificada exclusivamente co seu rol de construción, movéndose entre dúas posicións extremas, pero ambas froito dunha época de despilfarro económico: por una parte, as obras singulares con firmas de arquitectos estrela e por outra, a especulación construtiva que deu orixe á burbulla inmobiliaria.

Asumido o resultado fallido de ambos modelos, experiencias que naceron en paralelo á propia crise da disciplina pero moi dentro desta, móstranse modos de actuación inconformistas e propositivos, con accións que enfocan o seu obxecto cara o achegamento da sociedade á arquitectura a través da ensinanza ou outras nas que a participación cidadá se converte no principal material de proxecto, pasando polas que se posicionan con actitudes críticas. A través do percorrido por unha serie de exemplos de proxectos realizados nos últimos años, Luz Paz traza o panorama da arquitectura de re-acción: “inmaterial, efímera e activista”.

Luz Paz Agras é doutora Arquitecta pola Universidade da Coruña e cursou o maestrado en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da Universidade de Santiago de Compostela. Recentemente finalizou unha estadía posdoutoral na Bartlett School of Architecture, en Londres, cunha bolsa de posgrado da Fundación Barrié.

Desde 2004, realiza traballos no ámbito da arquitectura, o urbanismo e o comisariado de exposicións, polos que recibiu varios recoñecementos. Forma parte do colectivo Cadelasverdes e do equipo redactor da revista “Dardo Magazine: Art+Architecture+Design”, con sede en España e Portugal. Desde 2015 coedita el “BAc: Boletín Académico de la ETSAC”.

Inicia o seu labor docente en 2009 na ETSAC, onde na actualidade é profesora do departamento de Composición e forma parte do grupo de investigación en Composición Arquitectónica e Patrimonio [GICAP].

lpa_re-accion